Contas sinala unha "deficiente" presupuestación da Xunta en 2022 con alza de ampliacións de crédito e continxencias

Entre as novas recomendacións, pide a "formulación expresa" de propostas para extinción de entidades dependentes.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/05/2024 | Actualizada ás 18:46

Comparte esta noticia

O Consello de Contas apunta a unha "deficiente" presupuestación da Xunta en 2022 ao existir un uso "recorrente" das ampliacións de crédito, que van á alza, do mesmo xeito que o uso do fondo de continxencia para partidas previsibles.

No seu informe sobre a Conta Xeral de 2022, publicado este luns, Contas incide en diferentes reproches realizados á Xunta nos últimos anos, os cales pasan por un uso indebido do fondo de continxencia, imputar gastos a exercicios que non se corresponden e ampliacións de crédito reiteradas sobre partidas que se "poden determinar anualmente de forma máis precisa nos orzamentos iniciais".

No entanto, Contas conclúe que a Conta Xeral de 2022 "reflicte razoablemente en todos os aspectos significativos" a actividade económica e financeira. Un exercicio que se viu marcado pola xestión dos fondos europeos de recuperación fronte á pandemia.

Nun ano aínda marcado pola incidencia da covid, obsérvase que os recursos do sistema de financiamento autonómico caeron un 2,2%. "A baixa recadación efectiva do ano 2020, a consecuencia do impacto de crise, deu como resultado unha liquidación negativa dos recursos do sistema de 392,2 millóns de euros (fronte ao saldo positivo do exercicio anterior de 376 millóns de euros) que foi compensada polo Estado cunha transferencia extraordinaria polo mesmo importe", explica.

As modificacións orzamentarias incrementaron o orzamento inicial nun 7,8%, por baixo do nivel do exercicio anterior, "pero cun importante incremento das ampliacións de créditos (43%) e, de forma moi significativa, das incorporacións de crédito (77,8%)". No Sergas, as modificacións supoñen unha subida do 10,2%, fronte ao 7% do exercicio anterior.

"Tamén é salientable o incremento do fondo de continxencia, que supuxo neste exercicio un total de 359 millóns de euros e segue empregándose para a cobertura de gastos (principalmente gasto corrente) que son obxecto dunha deficiente presupuestación".

REPROCHES

O órgano fiscalizador afea que o orzamento da Xunta computa gastos anteriores a 2022 por 69 millóns e non rexistra 79 millóns correspondentes a ese ano, o que arroxa un resultado orzamentario sobrevalorado en 10 millóns. Observa que o saldo orzamentario está sobrevalorado en 33,5 millóns polos erros nos axustes practicados nestas desviacións. Así mesmo, o remanente de tesouraría está sobrevalorado dean 79,2 millóns por non imputar gastos ao exercicio correspondente.

No Sergas, os gastos imputados de anteriores exercicios son de 67,9 millóns, á vez que se deixan rexistrarse gastos dese ano por 70,8 millóns, polo que está sobrevalorado en 2,88 millóns. E o Sergas "continúan sen implantar un sistema integral de contabilidade" tal e como esixe o plan xeral de contabilidade pública.

No conxunto do sector público consolidado existen gastos pendentes de imputar a 2022 por importe duns 181 millóns. Así mesmo, "persiste o uso inadecuado do programa orzamentario de imprevistos e funcións non clasificadas que xa veñen reiterando en informes anteriores", onde se elude os límites fixados normativamente para transferencias.

Entre outros reproches, Contas di que "non existe información sobre a antigüidade" dos debedores pendentes de cobro, o que limita o cálculo dos dereitos de dubidoso cobro. Mentres, o balance de inmobilizado material non concorda co inventario.

O informe apunta a varias incorreccións, tales como que a memoria non se axusta á estrutura da contabilidade de Galicia, ademais de que "a información dos contidos incluídos non é completa". Tamén se reproba que se anote como activos financeiros 114,2 millóns destinados a cubrir déficits de explotación da CRTVG que "deberían rexistrarse como gasto non financeiro e, por tanto, diminuír o resultado de operacións non financeiras nese importe".

NOVAS RECOMENDACIÓNS

No apartado de recomendacións, Contas inclúe novos avisos respecto doutros exercicios. Un dos puntos que marca é desenvolver normativamente un sistema de supervisión das entidades dependentes da Xunta para comprobar os seus motivos de subsistencia e sustentabilidade financeira, onde se inclúa a "formulación expresa" de propostas de mantemento, transformación ou extinción destes entes. Noutro apartado, cifra nunha ducia as entidades que non renderon contas.

O déficit de organismos autónomos e axencias públicas sitúase en 409 millóns, polo que "mellora lixeiramente". Hai 88 entidades definidas como sector público autonómico, das cales as incluídas no ámbito orzamentario son 72. Tamén se empraza á Xunta a remitir a Contas anualmente un informe sobre o seguimento dos expedientes de reintegro e sancionadores derivados do control financeiro.

Igualmente, requírese información complementaria na memoria da Conta Xeral sobre a execución das previsións respecto dos beneficios fiscais "en aras a mellorar a comprensión da liquidación do orzamento de ingresos". Tamén pide datos sobre os efectivos de persoal por categorías e sexos, así como depurar saldos de dereitos pendentes de cobro.

EXECUCIÓN DE FONDOS EUROPEOS

O informe indica que en decembro de 2022 o Estado asignara a Galicia 1.659 millóns de fondos europeos de recuperación pola covid, dos que a Xunta ingresara 1.218 millóns.

De acordo coa programación plurianual, os créditos consignado a finais de 2022 para os fondos do Mecanismo Europeo de Recuperación (MRR) foron de 529 millóns e para o REACT, de 596 millóns, polo que a execución sitúase no 35% e o 36%, respectivamente, dos créditos definitivos. Con todo, estaba en fase de compromiso o 56% dos créditos (un 72% se se consideran compromisos futuros).

"Esa execución acumulada representa un 15% dos fondos MRR asignados polo Estado para o período de programa 2021-2026 (un 17% dos ingresados) e un 48% dos fondos REACT asignados (un 182% dos ingresados) para o período 2021-2023", cifra.

MÁIS DE 330 MILLÓNS DE PEAXES EN SOMBRA

Un dos datos que arroxa o informe é que a peche de 2022 a débeda de Galicia situábase en 11.977 millóns, dos que 11.603 millóns correspóndense á administración xeral.

O resto da débeda, en concreto 331 millóns, procede fundamentalmente do préstamo imputado á peaxe en sombra para a construción das autovías do Salnés, Barbanza, Santiago-Brión e Ourense-Celanova.

AVAIS ERRADOS DO IGAPE

Paralelamente, os avais financeiros concedidos polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), cuxo risco é asumido pola Administración autonómica, presentan un risco vivo a finais de 2022 de 13 millóns. Os pagos por avais errados realizado spor a Xunta entre 2010 e 2022 ascenden a 85,4 millóns.

"A política de apoio a través de préstamos iniciada polo Igape en 2007 ofrece un balance cun importante grao de morosidade e cunha parte significativa de debedores que non devolveron os préstamos vencidos (máis da metade dos vencementos)", resume Contas. En 2022, a crise da covid-19 deu lugar a moratorias os préstamos e novos programas de financiamento. A finais de 2022, 43 millóns de euros permanecían como dereitos pendentes de cobro por préstamos que terían que estar devoltos.

A Xunta tamén participa en Sodiga, sociedade de capital risco, e en entidades de investimento colectivo. O capital achegado a estes instrumentos ata 2022 eran 360 millóns, cunhas perdas acumuladas de 136 millóns, un 38% dos fondos achegados.

Sede do Consello de Contas de Galicia / Xunta / Europa Press
Sede do Consello de Contas de Galicia / Xunta / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta