Defensa da Ría presenta alegacións ao proxecto de Ence: aumentará a contaminación e o cheiro

A APDR destaca que no propio documento de Ence exponse que "esperan non pasar de 14 millóns de metros cúbicos de auga anuais" e indican que aumentará o número de camións que se movan ao redor da factoría. A empresa recoñece que o cheiro "será inevitable que aumente" ao incrementar a emisión de gases.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/05/2024 | Actualizada ás 16:30

Comparte esta noticia

A Asociación pola Defensa da Ría (APDR) anunciou que presentará alegacións ao proxecto sectorial de incidencia municipal (PSIS) de Ence por "aumento do impacto visual, a contaminación do aire e o consumo de auga" da fábrica. O presidente da APDR, Antón Masa, compareceu este xoves en rolda de prensa para dar conta do contido destas alegacións que, ao seu xuízo, supoñen "unha ampliación da fábrica pura e dura" coa que "todo serán impactos negativos".

O colectivo ecoloxista sostén que a documentación presentada pola compañía pasteira contén "erros" como facer referencia a datos do ano 2021 en lugar dos actuais, por exemplo, en canto á concesión de captación de auga que Ence sitúa nos 1,5 metros cúbicos por segundo cando a Xunta de Galicia rebaixou en 2022 esa captación a 0,6 metros cúbicos por segundo. Antón Masa considera isto sería "razón suficiente para que se incapaciten estes documentos".

A APDR destaca que no propio documento de Ence exponse que "esperan non pasar de 14 millóns de metros cúbicos de auga anuais" e indican que tamén aumentará o número de camións que se movan ao redor da factoría de Lourizán. Ademais, a propia empresa recoñece, sostivo Antón Masa, que o cheiro "será inevitable que aumente" ao incrementar a emisión de gases. Igualmente, o impacto paisaxístico será "moi superior ao actual" cun incremento da superficie edificada dentro do recinto de 65.500 a 73.500 metros cadrados, coa instalación dunha nova caldeira.

Por último, Defensa da Ría alega que a aprobación do PSIS de Ence debería paralizarse ata que non finalice a "problemática xudicial" pendente dunha última resolución do Tribunal Supremo en relación á sentenza da Audiencia Nacional que anulaba a prórroga e tamén dos recursos presentados ante o Tribunal Constitucional e a Unión Europea derivados dos dous fallos anteriores do Tribunal Supremo nos que autorizaba a presenza de Ence na ría pontevedresa.

Ence e as súas biofrábricas
Ence e as súas biofrábricas | Fonte: ENCE - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta