As axudas para incentivar a contratación de menores de 30 anos poden pedirse desde o xoves

As contías chegarán ata preto de 20.000 euros por persoa contratada e apoiarán a empregabilidade dos mozos a través de contratos formativos de 12 meses de duración.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/05/2024 | Actualizada ás 13:44

Comparte esta noticia

As axudas da Xunta do novo programa primeira experiencia profesional para incentivar a contratación de menores de 30 anos por parte de empresas, traballadores autónomos, sociedades civís e comunidades de bens poden pedirse desde este xoves. Así o publicou este mércores o Diario Oficial de Galicia (DOG) e a liña conta cun orzamento global próximo aos 4,2 millóns de euros e con contías de ata preto de 20.000 euros por persoa contratada apoiarán a empregabilidade dos mozos a través de contratos formativos de 12 meses de duración, dotándoos de competencias para poder acceder a un emprego estable e de calidade.

Segundo lembrou a Xunta, esta é unha das medidas anunciadas por Alfonso Rueda para os primeiros 100 días da lexislatura e, con esta nova orde, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración busca mellorar a empregabilidade deste "colectivo prioritario" nas súas políticas. Este é un programa mixto, que ademais de impulsar con apoios económicos a contratación a tempo completo, ofrece formación en competencias brandas, unha combinación de habilidades sociais e de comunicación, actitudes, intelixencia social e emocional moi demandadas polo mercado laboral.

As axudas contan con dúas liñas, a primeira para contratar a mozas con titulación ou certificación profesional e a segunda para dar unha oportunidade a quen careza de cualificación profesional recoñecida. En ambos os casos, os contratos formativos que se concreten deben ir dirixidos a menores de 30 anos que residan en Galicia e que se atopen en situación de desemprego e con inscrición no Servizo Público de Emprego. Desta forma, facilitaranlles un período de práctica profesional acompañada dun proceso de formación para o emprego abrindo camiño á súa inserción laboral xa que, unha vez finalizado o proceso, contarán coas competencias para poder acceder a un emprego estable.

CONTÍAS DAS AXUDAS

A Xunta pretende chegar con este programa a entre 250 e 410 mozos desempregados. Coas axudas darán cobertura aos custos salariais dos postos, con contías que van dos 9.975 euros aos 16.625 segundo ese criterio. A esas cantidades, débense sumar as destinadas á formación en competencias brandas, 1.700 euros no caso de ser presencial e 850 euros en formato telemático. As empresas interesadas en optar ás axudas terán de prazo para presentar as súas solicitudes desde este xoves ata o 30 de setembro de 2024 ou ata que se esgote o crédito.

Os mozos galegos, os máis pesimistas respecto ao emprego do seu colectivo
Os mozos galegos, os máis pesimistas respecto ao emprego do seu colectivo | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta