Por Moncho Mariño | Santiago | 26/05/2024 | Actualizada ás 14:00
A ciberseguridade xa non é só un elemento das grandes corporacións senón que os fogares tamén necesitan ter conexións seguras á rede. As nosas contas bancarias, as nosas vidas laborais, os nosos gustos, as nosas fortalezas e debilidades están expostas na Internet queirámolo ou non. Isto supón facilitarlle a vida ás persoas por unha parte, mais por outra estamos sendo obxectivo de ataques informáticos e ás nosas diferentes redes domésticas para a obtención de datos fundamentalmente. Desde coñecer os nosos gustos, preferencias e mesmo os nosos estados de ánimo e saúde até roubar os contrasinais de banca electrónica, todo o sistema da internet no fogar debe estar protexido con fortes medidas aínda que estas, ás veces, resulten caras.
ONDE ESTÁ O PERIGO?
Un dos primeiros perigos que debemos afrontar na nosa rede doméstica é o roubo de datos persoais. Aquí temos os nosos contrasinais, información persoal, bancaria e profesional. A finalidade do cibercriminal é utilizar os nosos datos para suplantar a nosa identidade e con ela realizar roubos, estafas ou chantaxes.
“O roubo dos nosos datos e información pode facerse coa conexión dunha wifi co mesmo nome que a nosa deixándoa sen contrasinal. Todos os dispositivos acabarán conectándose a esa conexión e así os nosos datos pasarán a terceiros” di Félix Diéguez de Imatia, empresa de seguridade informática.
Tamén a falta de renovación tecnolóxica tanto en hardware como software é unha entrada moi doada de superar para os pirátas informáticos. “Os códigos de encriptación normalmente non son actualizados como deberan e o mesmo sucede cos rúter, que se non son renovados cada certo tempo, son obxectivo fácil para ciberdelincuentes” aseguran desde Kastel Ingeniería.
“Os rúter traen por defecto un nome de usuario e unha clave de acceso, se non se renova é moi posible que acaben accedendo a eles porque o sinal inalámbrico é doado de desencriptar e de ler por terceiros” describe Andrés Rodríguez, de Balidea. Por iso é boa idea a de cambiar tanto o rúter como os contrasinais cada certo tempo.
Sobre diferentes tipos de sistemas que poden atacar as nosas wifis persoais están o malware, un software malicioso que pode infectar dispositivos e roubar información ou danar o sistema. Logo está o ransomware bloquea o acceso aos datos do usuario até que pague un rescate. Por último, o phishing é unha técnica na que os atacantes enganan aos usuarios para que proporcionen información confidencial, facéndose pasar por entidades de confianza a través de correos electrónicos ou mensaxes falsas.
QUE PODEMOS FACER?
Unha parte xa se explicou anteriormente, ter actualizados os dispositivos e o software pois as actualizacións moitas veces conteñen novas medidas de seguridade para eliminar puntos vulnerables. Ademais, tamén se recomenda a autentificación dobre e contrasinais con máis de doce caracteres e usar un cifrado WAP3. Tamén é recomendable non usar wifis públicas para tarefas sensibles. “Debemos coñecer ou saber os nomes das wifis que temos arredor e logo escoller a canle máis liberada” para conectarnos, di Félix Diéguez.
Sobre antivirus e antimalware, “todos os provedores de Internet cando venden o pack dentro del inclúen un firewall que moi pouca xente activa” apunta Andrés Rodríguez. “É recomendable consultar a web do provedor para coñecer as capacidades do firewall e outros sistemas teñen unha lista branca coa que só permites a conexión dos dispositivos que che interesa”.
Mais ante todo, un elemento moi importante é a “formación de usuarios” en todos estes aspectos, sobre todo no que toca aos coñecementos sobre as diferentes maneiras existentes de entrar na nosa rede persoal. Esta formación tamén debe ser actualizada porque en pouco tempo pode quedar desfasada e sen utilidade. Por tanto a seguridade da Internet instalada nos nosos fogares debe ser revisada cada certo tempo porque senón poderemos ser vítimas de ataques cibernéticos ás veces con consecuencias graves.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.