O delegado do Goberno avoga pola "gratuidade" da AP-9 ou por "alixeirar o peso" do custo para o usuario

Pedro Blanco, manifestou que o Executivo central traballa na procura dunha solución.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/06/2024 | Actualizada ás 12:38

Comparte esta noticia

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, manifestou que o Executivo central traballa na procura dunha solución ante o custo que ten para os usuarios o uso da AP-9, aludindo en concreto á "gratuidade ou alixeirar o peso" do citado gasto, fronte ao rescate da concesión que expón o BNG.

Fíxoo a preguntas dos xornalistas, nun acto celebrado para informar o proceso electoral europeo deste domingo, día 9, ao ser cuestionado polo expediente aberto pola Comisión Europea, por segunda vez a España, pola prórroga da concesión a Audasa durante a etapa do PP con José María Aznar e polo procedemento seguido.

"Imos facer fronte a ese requirimento que temos diante e tratar de darlle unha solución a unha demanda absolutamente unánime, a gratuidade ou alixeirar o peso que supón para os usuarios a AP-9 e que non sexa un custo excesivo", apuntou Blanco.

"Temos unha concesión por moitos anos dada polo Goberno español", apuntou en referencia á dada polo PP. Ademais, apostilou que se trata de "unha resolución administrativa contractual onde unha das partes non pode desvincularse".

Ao mesmo tempo, lembrou que o Goberno de Pedro Sánchez foi o "primeiro" en desenvolver unhas axudas "importantísimas" para que a AP-9 "sexa moito máis lixeira para os petos da xente que a ten que usar para traballar". "O que importa neste momento é utilizala dunha maneira barata, alcanzable e a poder ser gratuíta", recalcou. "Temos que seguir nese camiño, é o que importa", insistiu, á vez que lembrou que o tema da transferencia desta vía a Galicia é "competencia parlamentaria".

AP-9, Autoestrada do Atlántico / Miguel Riopa - Arquivo / Europa Press
AP-9, Autoestrada do Atlántico / Miguel Riopa - Arquivo / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta