Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 07/06/2024 | Actualizada ás 17:24
O Parlamento de Galicia aprobou este venres por unanimidade unha proposición non de lei, tras unha transacción entre o Grupo Popular e o BNG, a través da cal se insta á Xunta a continuar coa tramitación do expediente de caducidade das concesións de explotación do grupo mineiro San Finx en Lousame. Ademais, solicítase ao Goberno galego que tamén lle requira á empresa que execute o proxecto de restauración do dominio público hidráulico, unha vez finalizada a tramitación ambiental, incluíndo a retirada dos recursos mineiros acumulados nas súas presas e a restauración ambiental do leito degradado e da contorna das instalacións mineiras. Así mesmo, o Parlamento pide ao Executivo autonómico que proceda á execución do aval depositado polo titular da explotación no caso de que non cumpra co requirido para acometer as medidas de execución subsidiaria que sexan necesarias para manter a explotación en condicións de seguridade.
Foi a deputada nacionalista Rosana Pérez Fernández a encargada de defender a proposición non de lei presentada polo BNG, lembrando que as presas acumulan a día de hoxe "miles de toneladas de residuos" e están en "situación de abandono". "Executar as actuacións sen realizar a preceptiva tramitación de avaliación ambiental, como está a pedir o BNG, incumpriría a lexislación vixente", sinalou o deputado 'popular' Gonzalo Trenor López na súa intervención. Por parte dos socialistas, Pomba Castro Rei lamentou que o ocorrido coa mina de Lousame é unha "crónica dunha morta anunciada", asegurando que a Xunta durante moitos anos "fixo a vista gorda" ante as verteduras destas instalacións. A pesar de todo, finalmente a proposición de non lei saíu adiante cos votos do tres grupos, xa que o representante do grupo mixto non acudiu á Comisión este venres. Isto puido ocorrer tras unha modificación do texto inicialmente presentado polo BNG.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.