A ultradereita en Galicia en cifras: Vox é a cuarta forza no 95 % dos concellos e SALF é a quinta no 57,5 %

Os municipios onde Vox logrou unha maior porcentaxe de votos foron: Boimorto (19,47 %); Ribeira (7,45 %); e Vilariño de Conso (6,91 %). Os municipios onde SALF acadou maior porcentaxe de votos foron: Negueira de Muñiz (5,26 %); Irixoa (4,39 %); e A Teixeira (3,48 %).

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 10/06/2024 | Actualizada ás 21:58

Comparte esta noticia

A ultradereita gañou un peso considerable nestes comicios ao Parlamento europeo, e non só no resto de Europa, senón que o seu ascenso se deixou sentir tamén en Galicia, onde superou a unha debilitada Sumar. En concreto, na nosa terra estivo representada polos partidos Vox e Se acabó la Fiesta (Alvise). Vox logrou alzarse como cuarta forza nun total de 298 concellos (dos 313 que ten Galicia, é dicir, no 95 % do territorio), chegando a ser terceira forza en 3 concellos (Avión, Carballeda de Valdeorras e Padrenda), segunda nun (en Boimorto), e quinta en 6 (Manzaneda, O Grove, Parada de Sil, Sarreaus, Negueira de Muñiz e Catoira). Mentres que Se acabó la Fiesta (SALF) logrou alzarse como quinta forza en 180 concellos galegos, chegando mesmo a ser cuarta en 6 (Irixoa, A Arnoia, Manzaneda, Sarreaus, Negueira de Muñiz e Catoira).

Alvise Pérez, candidato ás europeas por Se acabó la fiesta
Alvise Pérez, candidato ás europeas por Se acabó la fiesta | Fonte: Arquivo

Así as cousas, cales foron os concellos galegos que prestaron un maior apoio á formación de Abascal? Pois se miramos a porcentaxe de votos colleitada por Vox, os 57 municipios nos que acadou unha porcentaxe máis alta, superior ao 5 %, foron: Boimorto (19,47 %); Ribeira (7,45 %); Vilariño de Conso (6,91 %); A Capela (6,6 %); Ponte Caldelas (6,47 %); Marín (6,43 %); Vilamartín de Valdeorras (6,39 %); Meira (6,35 %); O Irixo (6,08 %); Beade (6,06 %); A Lama (6,05 %); Mondariz-Balneario (6 %); Pazos de Borbén (5,94 %); O Bolo (5,86 %); Aranga (5,81 %); Sada (5,79 %); Arteixo (5,76 %); Boiro (5,7 %); O Barco de Valdeorras (5,66 %); Becerreá (5,66 %); Pontecesures (5,64 %); San Amaro (5,62 %); Sandiás (5,56 %); Abadín (5,5 %); O Carballiño (5,48 %); O Corgo (5,36 %); Ferrol (5,36 %); Barbadás (5,36 %); Melón (5,35 %); A Pobra do Caramiñal (5,35 %); Punxín (5,29 %); Amoeiro (5,29 %); Porto do Son (5,28 %); Avión (5,27 %); Sarria (5,25 %); Baiona (5,23 %); Monterroso (5,19 %); Meaño (5,19 %); Sarreaus (5,19 %); Boborás (5,17 %); Trazo (5,17 %); Xermade (5,13 %); Triacastela (5,11 %); San Cibrao das Viñas (5,11 %); Baralla (5,09 %); Narón (5,09 %); Verín (5,08 %); Cerdido (5,08 %); Maceda (5,07 %); Salceda de Caselas (5,06 %); Monforte de Lemos (5,06 %); Coles (5,05 %); Cambre (5,05 %); Oleiros (5,01 %); Ourol (5 %); Mondariz (5 %); e Foz (5 %).

VOX SEGUNDA FORZA EN BOIMORTO E TERCEIRA EN AVIÓN, CARBALLEDA DE VALDEORRAS E PADRENDA

Como vemos, non hai moita diferenciación por provincias. Con todo, destaca moito o caso de Boimorto, onde o 19,47 % dos votos alzou á formación ultradereitista como a segunda forza, só por detrás do PP (36,95 %) e deixando lonxe ao PSOE, que colleitou o 13,11 % dos votos. Tamén en Ribeira o apoio foi considerable, aínda que neste caso ese 7,45 % non lle foi suficiente para ser máis que cuarta forza: quedando en primeiro lugar o PP (47,42 % dos votos); seguido de Agora Repúblicas (19,8 %) e PSOE (18,52 %). E o terceiro concello que máis votos deu a Vox foi Vilariño de Conso, onde a pesares dese 6,91 % dos votos non puido superar a cuarta praza: a primeira foi para o PP (50,23 %), a segunda para o PSOE (22,11 %) e a terceira para Agora Repúblicas (14,74 %).

Así, aínda que en Avión, Carballeda de Valdeorras e Padrenda Vox foi a terceira forza, iso non supuxo que nos tres municipios superase o 5 % dos votos, de feito só o fixo no caso de Avión, onde o 5,27 % o situou por detrás do PP (85,13 % dos votos) e PSOE (5,41 %). En Carballeda de Valdeorras Vox foi terceira forza co 4,1 % dos votos, por detrás de PP (65,35 %) e PSOE (21,42 %). E en Padrenda foi terceira forza co 3,39 % dos votos, por detrás de PP (73,15 %) e PSOE (19,69 %). É dicir, nestes concellos foi quen de arrebatar esa terceira posición que en practicamente toda Galicia foi para Agora Repúblicas.

O vicepresidente primeiro do Comité de Acción Política e eurodeputado de Vox, Jorge Buxadé
O vicepresidente primeiro do Comité de Acción Política e eurodeputado de Vox, Jorge Buxadé | Fonte: Marta Fernández - Arquivo

SE ACABÓ LA FIESTA CUARTA FORZA EN IRIXOA, A ARNOIA, MANZANEDA, SARREAUS, NEGUEIRA DE MUÑIZ E CATOIRA

No caso de Se Acabó la Fiesta (SALF), a formación de Alvise logrou impoñerse como quinta forza en 180 concellos galegos, é dicir, en máis da metade (no 57,5 % dos 313 municipios que conforman a nosa terra). Así, logrou arrebatar o posto a unha debilitada Sumar, que tras os resultados colleitados neste 9X anunciou a dimisión da súa coordinadora, Yolanda Díaz. En concreto, SALF chegou a superar o 3 % dos votos en 9 concellos: Negueira de Muñiz (5,26 %); Irixoa (4,39 %); A Teixeira (3,48 %); Poio (3,38 %); Sada (3,25 %); Laza (3,14 %); Carral (3,13 %); Abegondo (3,1 %) e San Amaro (3,01 %). Tamén superou o 2 % noutros 49: Marín (2,91 %); Boiro (2,9 %); Cambre (2,83 %); Oleiros (2,81 %); Miño (2,79 %); A Veiga (2,76 %); Pontevedra (2,76 %); Vilalba (2,75 %); Sanxenxo (2,69 %); Pazos de Borbén (2,69 %); Cerdedo (2,68 %); Barbadás (2,64 %); Curtis (2,63 %); Arteixo (2,61 %); Pontecesures (2,6 %); Bergondo (2,57 %); Ponte Caldelas (2,55 %); O Barco de Valdeorras (2,53 %); Caldas de Reis (2,52 %); Oroso (2,51 %); Carballeda de Valdeorras (2,5 %); Foz (2,49 %); Punxín (2,49 %); Xinzo de Limia (2,42 %); Cerceda (2,39 %); Ourense (2,36 %); Soutomaior (2,36 %); Burela (2,31 %); Ribeira (2,28 %); Láncara (2,27 %); San Cibrao das Viñas (2,24 %); Betanzos (2,21 %); Tomiño (2,21 %); A Mezquita (2,2 %); Paderne (2,2 %); A Capela (2,19 %); Crecente (2,19 %); Barro (2,18 %); Coirós (2,15 %); Lugo (2,14 %); A Rúa (2,13 %); Baleira (2,12 %); O Rosal (2,1 %); Sarria (2,09 %); Toén (2,08 %); Ribadumia (2,07 %); Rubiá (2,04 %); Catoira (2,04 %); e Trabada (2,02 %).

Así, as tres localidades nas que recibiu maior apoio foron Negueira de Muñiz, Irixoa e A Teixeira, pero non nas tres foi quen de situarse na cuarta posición, de feito só o logrou en dúas. En Negueira de Muñiz, onde o 5,26 % dos votos lle serviron para quedar por detrás de PSOE (42,1 %); PP (32,89 %) e Agora Repúblicas (9,21 %). En Irixoa o 4,39 % serviulle tamén para quedarse como cuarta forza máis votada, por detrás de PP (55,25 %); PSOE (18,83 %) e Agora Repúblicas (13,02 %). Mentres que na Teixeira o 3,48 % colleitado non foi suficiente para aupalo da quinta posición, quedando así por detrás de PP (58,13 %); Agora Repúblicas (15,69 %); PSOE (12,79 %); e empatado a puntos, pero aínda así por detrás, de Vox (3,48 %).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta