Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 25/06/2024 | Actualizada ás 14:00
A tendencia ao illamento entre os máis novos é algo que vai a máis, pero xa non só entre adolescentes, senón que tamén se está dando en moitos adultos. Co avance das novas tecnoloxías cada vez teñen tamén máis ferramentas para poder facelo. O uso abusivo das redes sociais é algo do que se leva falando anos, pero máis recentemente chegaron outros sistemas de aillamento que están espertando xa as alertas entre proxenitores e profesionais. Hoxe falamos do emprego dos cascos como barreira de protección dos mozos fronte ao mundo exterior, como unha maneira de dicirlle aos demais que non están dispoñibles para falar. Para iso contactamos coa psicóloga Nadia Peláez, experta en fobias.
"O uso de cascos é como todo, non é malo en si mesmo, porque moitas veces tamén pode axudar a desconectar e a relaxarse, a abstraerse dos problemas do día a día, o que acontece é que si que se aprecia unha tendencia entre os máis novos, igual que pasa co móbil e outros dispositivos, a abusar destas ferramentas", explica a psicóloga. Así, explica que "o abuso destas tecnoloxías fai que cando os adolescentes están nun lugar con máis xente se abstraian, de tal maneira que esa tendencia que xa teñen ao illamento poida ir a máis". Con todo, tamén apunta que iso é algo que "depende da persoa, pois hai persoas que non desenvolven por facer uso de cascos ningún problema social, mentres que para outras si é como unha proteción, como unha barreira que se poñen ante os demais".
"SEGUE SENDO MOITO MÁIS ALARMANTE O USO ABUSIVO OU O MAL USO DAS REDES SOCIAIS NUNHA ETAPA NA QUE NON TEÑEN A MADUREZ SUFICIENTE"
E aínda que confesa que o uso problemático dos cascos é algo que preocupa cada vez máis aos proxenitores, asegura que o rei das consultas segue a ser "o uso abusivo das redes sociais". E é que explica que "están preparadas e deseñadas para xerar adicción, os propios 'like' xeran substancias cerebrais que fan que logo a xente sinta abstinencia cando non os recibe ou interprete o deixar de recibilos dunha maneira que remata por danar a súa autoestima", e tampouco se esquece de que "esas exposicións continuas da vida nas redes por parte dos adolescentes (e non só dos adolescentes) dan lugar a comparacións e inseguridades que tamén están xerando moitos problemas de saúde mental na actualidade".
Por iso, para a psicóloga "segue sendo moito máis alarmante o uso abusivo ou o mal uso que se lle está dando ás redes sociais nunha etapa na que os rapaces e as rapazas non contan co nivel de madurez suficiente como para manexar ben este tipo de ferramentas, que o uso dos cascos". Pois tamén están xerando o aumento 'bullying', "algo que sempre houbo pero que agora, a través das redes, ten outro catalizador, pois é moi sinxelo difamar ou atacar a alguen detrás dunha pantalla, sen ter que facelo de maneira directa". "Estamos moi expostos todos nese sentido, nunha houbo tanta protección de datos como agora e nunca estivamos tan expostos, é paradóxico", reflexiona.
"LEVAR OS CASCOS POSTOS SERVE TAMÉN DE INFORMACIÓN PARA OS OUTROS, É COMO DICIRLLES: 'NON ESTOU DISPOÑIBLE PARA FALAR'"
Para Peláez, polo tanto, o principal problema que pode derivar dese uso excesivo que fan os mozos dos casos é "o illamento, a tendencia a illarse cada vez máis". Son unha ferramenta que "lles dá seguridade", á vez que tamén "serve como información para os demais, levalos postos é como dicirlles aos outros: non estou dispoñible para falar". Tal é a mensaxe que transmiten que "hai moitos mozos (e non tan mozos) que xa os usan sen usalos, é dicir, ao mellor lévanos postos pero non están escoitando nada, senón que simplemente os empregan como escudo para non relacionarse". A profesional lembra que antes "ti chegabas a un lugar público, ao vagón dun tren ou a unha sala de espera e falabas cos demais, agora xa non".
Agora ben, ese aillamento dos mozos non é permanente, podo haber casos nos que si, pero tamén nos que non, o que acontece é que o seu xeito de relacionarse é diferente. "É moito máis fácil relacionarse detrás dunha pantalla", afirma a psicóloga, que explica que ao final están máis acostumados a comunicarse a través do WhatsApp e das redes sociais, sen ter que facelo cara a cara, "ás veces porque hai un medo social, pero non sempre". Sexa como sexa, a realidad é que "se perden habilidades sociais, polo medo social ou simplemente pola comodidade de non esforzarse en relacionarse".
A PSICÓLOGA ANIMA AOS PAIS A BUSCAR AXUDA SE VÉN QUE ESTE COMPORTAMENTO "COMEZA A DETERIORAR A VIDA SOCIAL DO SEU FILLO"
Ademais, aínda que estas condutas son máis evidentes e preocupantes entre os máis novos, Peláez lembra que non son exclusivas deles, pois tamén se están dando nos adultos e, mesmo entre aqueles que aínda non son usuarios de redes sociais a ese nivel, estas condutas por parte do seu arredor están influíndo neles. Pon o exemplo de "ir á consulta dun médico, todo o mundo está co móbil, sen establecer comunicación". Así, aínda que haxa unha persoa que non estea acostumado a estar con el, tamén se verá obrigado a usalo porque notará ese rexeitamento ao contacto social por parte dos demais. No caso concreto dos adoslescentes, a psicóloga anima aos pais a buscar axuda no momento no que vexan que este uso abusivo "comeza a deteriorar a vida persoal, social e mesmo académica do seu fillo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.