Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/06/2024 | Actualizada ás 14:50
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitaron este martes as obras do Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Ourense, que presentaron como "unha oportunidade para formar parte da construción dun futuro cunhas tecnoloxías seguras ao servizo das persoas".
Durante a visita, Corgos resaltou que este centro acollerá os sistemas de monitorización e xestión da ciberseguridade na Comunidade, en coordinación co Centro Criptolóxico Nacional e co Instituto Nacional de Ciberseguridade.
Así mesmo, lembrou que a nova infraestrutura contará cun espazo para a instalación de empresas e emprendedores, que poderán aproveitar as vantaxes desta concentración de coñecementos e recursos. Centralizará tamén parte da actividade do Nodo Galego de Ciberseguridade, formado por máis de medio centenar de institucións e empresas que colaboran e intercambian formación sobre seguridade nos sistemas de información e comunicacións.
"Que Ourense sexa a capital galega de ciberseguridade implica que aquí se concentarán os recursos a disposición da Xunta, dos concellos e deputacións, das universidades, dos centros tecnolóxicos e de innovación e do sector privado que presta estes servizos", explicou.
Pola súa banda, Martínez Allegue destacou que a súa consellería, a través dunha encomenda, executa estas obras, que comezaron este mes e suporán un investimento de seis millóns de euros. Así, detallou que a Xunta prevé finalizar durante o primeiro trimestre de 2026 a construción deste centro.
Segundo subliñou, levantarase na parcela 3E de Tecnópole, o edificio do Centro de Ciberseguridade. Apuntou tamén que a construción destas instalacións completarase coa habilitación dunha área para o estacionamento con ao redor de 40 prazas de aparcadoiro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.