Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/07/2024 | Actualizada ás 15:08
A viceportavoz primeira do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, denunciou que a Xunta sacou a licitación por 7,5 millóns de euros o contrato para a xestión dos cinco centros de crises 24 horas de atención a vítimas de violencia sexual que a administración autonómica prevé que entren en funcionamento no último trimestre do ano.
"É tal o afán privatizador que este proceso xa o iniciaron hai un ano e tiveron que paralizalo porque nin sequera estaban construídos estes centros", censurou este luns en rolda de prensa na Cámara galega. Segundo denunciou a deputada nacionalista, trátase dos cinco centros previstos en Lugo, Ourense, Santiago, Ferrol e Vigo, "que están financiados con cargo a fondos do Pacto de Estado contra a Violencia Machista e que se conciben como servizos de atención integral para vítimas de violencia sexual".
Ante isto, Rodil cuestiona "onde está o límite para o PP", argumentando que os populares "privatizaron centros de menores; o 80% das prazas de residencias de maiores e, agora, abren a porta a engordar o negocio de empresas privadas na atención a vítimas de violación". "Hai algo que non é susceptible de facer negocio? Hai algo que non deba ser utilizado para enriquecer a un puñado de empresas?", manifestou.
Tal e como explicou Rodil, a licitación recolle que os centros sexan atendidos por sete empregados. En concreto, dous traballadores sociais, tres psicólogos, un xurista e unha persoa a media xornada no ámbito da administración.
"PRECARIEDADE" PARA TRABALLADORES E USUARIAS
Nesta liña, censurou que estas "privatizacións" ademais de "xerar un bo nicho de negocio para empresas, xeran precariedade para os traballadores e usuarios".
"Precariedade laboral con persoal claramente insuficiente, pero ademais precarizar a atención das persoas usuarias porque o propio prego de licitación do PP di que se vai a facer unha parte desa atención de maneira telemática ou de maneira telefónica. Non sabemos se a través dunha pantalla ou por teléfono", lamentou.
Con estes argumentos, o BNG pide que se paralice este proceso e que se poña "límite moral ao negocio" para tratar de garantir a xestión pública destes centros de crises a través do persoal propio da Consellería.
Así mesmo, insistiu en que a atención ás mulleres "non pode quedar en mans de empresas multiservicios" e exemplificou que Eulen "xa está a enviar ofertas de traballo". "É curioso", afirmou, "porque aínda está o proceso de licitación aberto e Eulen xa está a ofrecer contratos de traballo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.