O sector turístico galego, "machucado pola climatoloxía", confía en recuperarse en agosto

O presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, explica que a recuperación aínda é posible nos meses restantes do verán.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 20/07/2024 | Actualizada ás 14:21

Comparte esta noticia

As temperaturas, máis baixas do habitual para a época ano, e a excesiva pluviosidade rexistrada na comunidade durante a primeira quincena de xullo pasaron factura ao sector turístico galego, que recoñece unha caída na taxa de ocupación prevista para o inicio do verán pero que confía na "recuperación" ao longo dos próximos meses ata superar mesmo a cifra marca anual de sete millóns de visitantes, alcanzada en 2023.

Son varios os factores capaces de explicar que a afluencia de turistas á comunidade e as taxas de ocupación rexistradas durante as primeiras semanas de xullo non cumprisen polo momento coas previsións que se vaticinaban e que a sondaxe realizada a comezos de verán polo Clúster Turismo de Galicia situaba en niveis de "entre o 80 e o 90%". De todos eses factores, recoñecen con todo os líderes do sector, as condicións atmosféricas erixíronse como a única variable decisiva.

"A CLIMATOLOXÍA MACHUCOUNOS"

Á espera de dispor de datos de ocupación e afluencia definitivos, que o Instituto Nacional de Estatística elabora e facilita a mes vencido, o primeiro diagnóstico compartido polos diferentes actores que conforman o sector turístico na comunidade dá conta de que as previsións iniciais non se cumpriron.

"A impresión xeral é que a climatoloxía nos machucou un pouco as reservas que tiñamos, que se produciron cancelacións nestes 18 días e que desde logo non foi un comezo de verán todo o bo que esperabamos e que prevía o sector turístico", recoñece a Europa Press, Cesáreo Pardal, presidente do Clúster Turismo de Galicia, unha agrupación de empresas dedicadas ao turismo como actividade principal ou complementaria. E despois precisa: "Esperamos que nestes días que quedan de mes, e sobre todo en agosto, podamos recuperar o non vendido".

Para o presidente do Clúster, que asegura que a caída nos datos de ocupación previstos para Galicia obedece "meramente á climatoloxía" e non garda relación algunha "nin coa inflación, nin co momento económico, nin coas tarifas dos hoteis e habitacións", existe aínda moita marxe e "espazo para a recuperación".

Dúas persoas pasean pola praia de Silgar, a 25 de xaneiro de 2024, en Sanxenxo / Elena Fernández - Arquivo / Europa Press
Dúas persoas pasean pola praia de Silgar, a 25 de xaneiro de 2024, en Sanxenxo / Elena Fernández - Arquivo / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta