Máquinas Hidrostáticas polivalentes, unha nova ferramenta da Xunta para loitar contra os incendios

Tras entregar 18 novas motobombas que se distribuíron en 15 distritos forestais das catro provincias, o Goberno galego incorpora seis destes novos vehículos deseñados polo servizo do SPIF.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 20/08/2024 | Actualizada ás 08:39

Comparte esta noticia

O dispositivo de loita contra incendios forestais da Xunta contará este ano, por primeira vez, con seis novas máquinas hidrostáticas polivalentes, que poden realizar tanto labores preventivas como de extinción.  Así se recolle na actualización do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais en Galicia (Pladiga 2024). Estes vehículos autopropulsados permiten facer traballos preventivos de roza (incorporando, de accesorio, un brazo lateral con disco de corte) e de extinción, ao dispoñer tamén de espazo para depósito de auga con lanza e enganches para mangueiras e soprador de aire para limpeza de calzadas e gabias. 

Novos medios incorporados á loita contra os lumes en Galicia
Novos medios incorporados á loita contra os lumes en Galicia | Fonte: Xunta

Dende o punto de vista da prevención, o Pladiga 2024 prevé actuar en máis de 60.000 hectáreas de terreo, das que unhas 5.000 serán xestionadas a través da gandaría en extensivo. Para iso o Goberno galego destina 41,1 millóns de euros, un 6 % máis con respecto ao ano pasado. Ademais, outra das novidades é a creación de ata 44 novos puntos de auga para a recarga de medios aéreos e terrestres. Deles, 24 serán construídos directamente pola Xunta e os 20 restantes poranse en funcionamento a través de subvencións para comunidades de montes veciñais en man común. Tamén cómpre destacar a entrada en servizo da nova base de medios aéreos de Verín-Oímbra, que mellorará sensiblemente a operatividade na zona fronteiriza con Portugal.

A maiores destas novidades, sobre os medios humanos e materiais do Pladiga 2024, o dispositivo estará integrado por máis de 7.000 persoas, contabilizando tanto os profesionais propios da Xunta como os adscritos a outras administracións. E non hai que esquecer que este ano aplícase xa de xeito efectivo o aumento do tempo de traballo de parte do persoal laboral da Consellería, que pasa a actuar durante sete meses, un máis que no 2023, de maneira que dous terzos dos profesionais antiincendios da Xunta (uns 2.000 traballadores) xa están operativos todo o ano e o terzo restante (uns 1.000 traballadores) chegará a facelo durante nove meses no horizonte de 2026.

OBXECTIVO: POTENCIAR O SERVIZO QUE SE BRINDA Á POBOACIÓN GALEGA

Con respecto aos medios materiais, un ano máis contarase con arredor dunha trintena de medios aéreos contra o lume, entre os da Xunta e os que aporta o Estado, así como con preto de 380 motobombas. En relación con estes vehículos, hai uns meses que se entregaron 18 novas unidades a 15 distritos forestais das catro provincias: Ferrol, Santiago Meseta-Interior, Barbanza, Fisterra, A Mariña, Fonsagrada-Os Ancares, Lugo-Sarria, Terra Chá, Valdeorras-Trives, Verín-Viana, A Limia, Deza-Tabeirós, O Condado-Paradanta, Vigo-Baixo Miño e Caldas-O Salnés. A actuación tivo un investimento por parte da Xunta de preto de 5 millóns de euros.

Cursos teórico-prácticos da Xunta destinados aos bombeiros condutores das novas motobombas
Cursos teórico-prácticos da Xunta destinados aos bombeiros condutores das novas motobombas | Fonte: Xunta

O fin último da Consellería de Medio Rural con todas estas melloras é seguir mellorando e ampliando a dotación de medios para potenciar o servizo que se lle brinda a toda a poboación galega en materia de loita contra os incendios forestais, así como para minimizar o tempo de resposta ante os lumes e para aumentar a seguridade do persoal que traballa na extinción. Precisamente con este último obxectivo, realizáronse 36 cursos teórico-prácticos nos distritos forestais aos que se lle asignaron as novas motobombas, destinadas aos bombeiros forestais condutores que as manexarán, aínda que o apartado de formación contempla un total de 150.000 horas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta