Por gcdeportes | A Coruña | 29/11/2015 | Actualizada ás 09:25
Ficha técnica:
As Palmas 0: Javi Varas; David Simón, Aythami, Bigas, Dani Castellano (Wakaso, 81’); Roque (Culio, 87’), Vicente Gómez; Momo (Nauzet Alemán, 69’), Tana, Jonathan Viera e Araujo.
Deportivo 2: Lux; Juanfran, Arribas, Sidnei, Fernando Navarro; Cani (Jonás, 69’ / Laure, 81’), Álex Bergantiños, Mosquera, Luisinho; Lucas Pérez e Jonathan Rodríguez (Fayçal Fajr, 58).
Goles: 0-1: Cani (minuto 19). 0-2: Lucas Pérez (minuto 91).
Árbitro: Clos Gómez (aragonés). Amarelas a Mosquera (25’), Arribas (67’) e Juanfran (79’) no Deportivo e a David Simón (16’), Araujo (39’), Aythami (66’) e Culio (93) nos canarios.
Incidencias: partido da 13ª xornada da Liga BBVA no Estadio de Gran Canaria ante 19.146 espectadores.
Sufriu o Dépor sen necesidade para pechar o encontro. Errou varias ocasións para facer o segundo, e Víctor Sánchez del Amo laiouse ao final do encontro da falta de efectividade. Lucas Pérez sentenciou xa no desconto, xusto despois de que Lux e Laure evitasen o empate canario. O Dépor, firme en defensa e rápido no contraataque, venceu 0-2 á As Palmas -terceira vitoria a domicilio- e suma xa 21 puntos, 12 deles lonxe de Riazor. Leva catro xornadas sen perder.
O Dépor, que repetiu o once do derbi contra o Celta, saiu coa idea de presionar arriba para dificultar a saída dos canarios, deixando poucos espazos e coa ameaza constante da rapidez de Lucas Pérez e Jonathan Rodríguez. Axiña chegou o gol, que facilitou o control do choque. No minuto 19, perda da defensa local, e rápido ataque deportivista, con Jonathan para Lucas Pérez, quen tras cambio de ritmo centrou á área para o gol de Cani.
Co 0-1, replegou liñas o Dépor, e As Palmas tivo a pelota pero sen crear ocasións claras. Apenas un remate lonxano de Tana que detivo Lux sen problemas. Araujo reclamou un penalti de Sidnei, pero o árbitro amosoulle amarela por protestar. Xusto na última xogada antes do descanso, puido o Dépor deixar feito o traballo: Cani lanzou un córner dende a dereita e Álex Bergantiños rematou primeiro ao pau e no rexeite foi Javi Varas quen evitou o gol.
Tralo paso por vestiarios, As Palmas tentou ir a polo gol, pero o Deportivo fixo un bo traballo defensivo, e explotaba a velocidade dos homes de arriba para tentar sentenciar. O árbitro perdonou a segunda amarela a David Simón, e antes do minuto 60 Faiçal Fajr entrou por Jonathan. Lucas Pérez perdonou o segundo nun man a man con Javi Varas, que detivo os dous remates do dianteiro coruñés. Varias veces chegaron os deportivistas á área rival con vantaxe, pero erraron na súa intención de pechar o encontro. Un erro de Dani Castellano propiciou unha contra levada por Jonás (só estivo 12 minutos no campo ata que se retirou lesionado), con pase a Lucas Pérez e remate final de Luisinho que de novo detivo Javi Varas.
A incerteza polo resultado do marcador mantívose ata o final. A mellor ocasión local de todo o partido chegou no minuto 90, cando Lux sacou un remate de Araujo e despois Laure evitou o gol no rexeite. Xa no desconto, carreira de 40 metros de Fayçal Fajr, quen cedeu a Lucas Pérez para que fixese o 0-2 definitivo. Víctor loubou o “esforzo” sobre o campo dos seus xogadores, que deron “máis do cento por cen”, e salientou a boa organización “tanto en defensa como en ataque” do equipo. O mércores, a Copa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.