Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/07/2024 | Actualizada ás 11:12
A Xunta publicou este martes no Diario Oficial de Galicia a convocatoria das probas de obtención e renovación do certificado de conselleiro de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada e por ferrocarril, correspondentes a este ano. Así, celebraranse probas válidas para todas as clases de transporte e especializadas segundo o tipo de mercadorías: materias e obxectos explosivos, gases, materias radioactivas, sólidas e líquidas ou líquidas inflamables, entre outras.
As persoas aspirantes poderán presentarse a unha ou varias das probas convocadas, tanto á modalidade de transporte por estrada ou por ferrocarril, como para unha das especialidades citadas. Estas solicitudes deberán presentarse no prazo dun mes, a contar a partir deste mércores. Os formularios achegaranse, preferiblemente, por vía electrónica a través do enlace https://sede.xunta.gal. Os profesionais e persoas que precisen dispor deste certificado ou renovalo deberán efectuar os exames correspondentes.
Así, as persoas aspirantes na modalidade de obtención do certificado de capacitación profesional de conselleiro de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas terán dous exercicios: o primeiro, 50 preguntas tipo test; e o segundo centrado en supostos sobre as tarefas do conselleiro, con referencia ao ámbito do modo do transporte e á especialidade correspondente. No caso das persoas aspirantes na modalidade de renovación, deberán responder a 50 preguntas tipo test. Os exames celebraranse na primeira quincena do mes de novembro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.