Os sobreviventes do 'Argos Geogia', xa en terra e en bo estado de saúde

Os dous buques que transportaban ao sobrevivente restante e aos nove falecidos xa atracaron en Porto Stanley.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/07/2024 | Actualizada ás 18:46

Comparte esta noticia

Os sobreviventes do pesqueiro 'Argos Georgia', que naufragou este martes fronte á costa das Illas Malvinas, xa chegaron a porto e atópanse en bo estado de saúde. A delegación do Goberno confirmou que os pesqueiros 'Robin M. Lee', no que viaxaba un sobrevivente e un falecido, e o 'Puerto Toro', con oito falecidos restantes a bordo, atracaron esta tarde en Porto Stanley.

Os outros 13 sobreviventes do naufraxio chegaron a última hora a tarde do mércores a porto. O portavoz da familia, José Manuel Pena, destacou que están todos "ben", máis aló de feridas leves e contusións e, sobre todo, "máis aló do psicolóxico". Polo momento, permanecen ingresados no Hospital King Edward VII Memorial, onde se lles practicaron exames médicos para comprobar o seu estado de saúde.

Agora, apuntou Pena, están pendentes de declarar ante as autoridades malvinas, encargadas da investigación que debe esclarecer as causas do afundimento do pesqueiro. Confirmou tamén a información facilitada polo Goberno, cuxa previsión era enviar un avión este venres ás illas para repatriar aos sobreviventes e aos falecidos durante a fin de semana. Tal e como sinalaba o delegado do Goberno esta mañá, viaxará tamén un diplomático da División de Emerxencia Consular para estar en contacto directo cos sobreviventes e autoridades locais.

PROCURA SUSPENDIDA

Respecto das causas do suceso, Pedro Blanco mostrábase cauto e remitiuse á investigación, sobre a que espera que arroxen "moita luz" os testemuños dos sobreviventes, pero si confirmou que non se descarta ningunha hipótese. A procura dos desaparecidos suspendeuse este mércores polas condicións meteorolóxicas adversas, tal e como informaba o Goberno das Illas.

Polo momento, o naufraxio do pesqueiro 'Argos Georgia' deixa 14 sobreviventes, nove falecidos e catro desaparecidos. A tripulación formábana 27 persoas, 10 delas, españolas. Dos 10 tripulantes españois, hai seis sobreviventes e catro deles son galegos, tres de Ribeira e un de Pontevedra, ademais dunha persoa natural de Barcelona e outra de Albacete. Dos falecidos notificados ata o momento, dous son galegos: o patrón, natural de Vigo, e o cociñeiro, veciño de Baiona. Os dous desparecidos galegos, segundo apuntou o delegado, son de Ribeira e Noia.

Argos Georgia. SALVAMENTO MARÍTIMO / Europa Press / Europa Press
Argos Georgia. SALVAMENTO MARÍTIMO / Europa Press / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta