37 millóns en crédito a pemes e familias de Lugo

Proxectos emprendedores, desenvolvemento de novos investimentos, creación de emprego, actuacións de mellora enerxéticae necesidades de circulante. ABANCA e a Deputación de Lugo renovan o acordo que permitirá inxectar un 20% máis en financiamento en condicións vantaxosas destas iniciativas. Máis de 1.100 pemes, micropemes e autónomos lucenses xa se beneficiaron ata a data do programa de financiamento especial, cun importe global de 29,5 millóns.

Por GC Emprende | Lugo | 03/12/2015 | Actualizada ás 17:25

Comparte esta noticia

ABANCA e a Deputación de Lugo renovaron o mércores o Plan Activamos, unha iniciativa conxunta a través da cal a entidade financeira destinará nun ano 37 millóns de euros en crédito a pemes, autónomos, familias e corporacións locais co obxectivo de impulsar o desenvolvemento económico e social da provincia.

De esquerda a dereita, o director territorial de ABANCA en Lugo, Walter Álvarez Álvarez; o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos; o director de Banca Institucional de ABANCA, Santiago Novoa; e María José López Rubal, da área de Negocio Institucional do banco.
De esquerda a dereita, o director territorial de ABANCA en Lugo, Walter Álvarez Álvarez; o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos; o director de Banca Institucional de ABANCA, Santiago Novoa; e María José López Rubal, da área de Negocio Institucional do banco.

O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, e o director de Banca Institucional de ABANCA, Santiago Novoa García, foron os encargados de asinar a renovación do plan, que conta cun importe de financiamento un 20% superior ao comprometido no primeiro convenio de colaboración entre ámbalas entidades, subscrito en xullo de 2014.

As liñas de crédito dispoñibles contan cunhas condicións financeiras moi vantaxosas: tipos de xuros por debaixo do mercado –os prezos baixaron con respecto ao primeiro protocolo- e sen bandas de flutuación; cero comisións de apertura, estudo, amortización ou cancelación anticipada; amplos prazos de amortización, e posibilidade de carencia naquellas modalidades nas que o cliente necesita un prazo para situarse en condicións de xerar ingresos.

O Plan Activamos financia a pemes e autónomos na posta en marcha de proxectos emprendedores, desenvolvemento de novos investimentos, creación de emprego, actuacións de mellora enerxética nos seus negocios e tamén cobre necesidades de circulante. Para as familias, ABANCA oferta a través deste programa de financiamento préstamos para a dotación de equipamento tecnolóxico, realización de actividades de formación, reformas no fogar que contribúan á mellora da accesibilidade o á eficiencia enerxética, e adquisición de vehículos eficientes. Finalmente, as corporacións locais poden optar no marco deste programa a préstamos para acometer pequenos investimentos municipais e para necesidades de tesourería.

Trala sinatura do convenio, Darío Campos destacou “a importancia desta colaboración con ABANCA, tendo en conta o peso das pemes e autónomos dentro da nosa provincia, un dos piares indiscutibles da economía, non so en Lugo, senón tamén en Galicia”. Campos Conde valorou que “o caracter social de ABANCA permite ofrecer servizos de calidade aos veciños do rural, en prol da igualdade de oportunidade entre os cidadáns, algo vital para o desenvolvemento da nosa provincia”.

Pola súa banda, Santiago Novoa resaltou o alcance que este programa de apoio financeiro ten no tecido económcio e social da provincia, e agradeceu a colaboración que está a prestar a Deputación de Lugo. “Esta alianza permítenos impulsar o progreso da provincia cun programa exclusivo, con créditos ‘brandos’ para financiar proxectos relacionados co emprendemento, o investimento empresarial, as novas tecnoloxías ou a eficiencia enerxética”, afirmou o directivo de ABANCA.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta