Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/08/2024 | Actualizada ás 15:08
A Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia incoou en 2023 un total de 153 expedientes sancionadores na comunidade por fumar en espazos prohibidos estipulados na Lei 42/2010 de medidas sanitarias contra o tabaquismo e reguladora da venda, a subministración, o consumo e a publicidade dos produtos do tabaco, o marco legal vixente. De acordo aos datos facilitados pola propia Consellería a Europa Press, Pontevedra foi a provincia galega onde se cursaron un maior número de expedientes por infraccións da lexislación (un total de 78, máis da metade das tramitadas en toda Galicia), seguida da Coruña (35), Lugo (25) e Ourense (15).
Aínda que non existen aínda datos oficiais relativos aos expedientes abertos aos fumadores e fumadoras galegas durante o primeiro semestre do ano en curso, as proposicións de multa formuladas por infrinxir a citada lei séguense cursando e aplicando en Galicia. Só no mes de maio de 2024, a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia iniciou cinco expedientes sancionadores na provincia de Pontevedra por fumar en espazos prohibidos ou en áreas restrinxidas pola citada Lei 42/2010 de 30 de decembro.
Un marco legal, coñecido comunmente como lei antitabaco, aprobado para modificar a anterior lexislación vixente (a 28/2005) que supuxo a reforma máis substancial experimentada ata a data pola norma e na que se ampliou o número de espazos libres de fume ata completar un catálogo xenérico de 25. Coa devandita modificación, a prohibición de fumar fíxose extensible a zonas anexas a centros sanitarios, parques infantís, instalacións deportivas, centros formativos e de lecer, así como a outros espazos públicos ou de uso colectivo situados, nalgúns casos, ao aire libre.
Dos cinco expedientes sancionadores abertos o pasado mes de maio en Pontevedra, notificados aos seus infractores coa súa publicación no DOG e cun prazo de 15 días para presentar alegacións ante a administración pública, un deles foi cursado por fumar nunha estación de autobuses; outro por facelo no recinto dun parque infantil acoutado para o xogo de menores; e tres máis por infrinxir a prohibición de fumar en "centros, servizos ou establecementos sanitarios, así como nos espazos ao aire libre ou cubertos comprendidos nos seus recintos".
As citadas propostas de sanción, que pese ao descoñecemento dalgúns fumadores e ao escepticismo de certas asociacións vinculadas á loita antitabaco están a ser interpostas en Galicia, foron tramitadas, en todos os casos, en base a unha infracción leve da norma, é dicir, por "fumar nos lugares en que exista prohibición ou fóra das zonas habilitadas para o efecto" e por tratarse dunha "conduta infractora illada". As multas oscilaron entre os 30 e os 120 euros.
O actual marco normativo da lei antitabaco contempla, con todo, penas maiores para esta mesma categoría (de ata un máximo de 600 euros) e multas de 601 a 10.000 euros e de 10.001 a 600.000 euros para infraccións consideradas, respectivamente, graves ou moi graves. No ano 2022, o último do que existen datos desagregados en función da tipoloxía da sanción interposta, tramitáronse en Galicia, segundo os datos da Consellería de Sanidade, 33 expedientes sancionadores de carácter grave e ningún tipificado como moi grave.
NOVOS ESPAZOS SEN FUME
Coa aprobación o pasado mes de abril no Consello de Ministros do Plan Integral de Control e Prevención do Tabaquismo (PIT) 2024-2027 para "englobar e afianzar as actuacións, plans e estratexias" sobre a materia postas en marcha polo Goberno de maneira conxunta coas comunidades autónomas, a ampliación dos espazos libres de fume será pronto unha realidade en todo o territorio nacional. O proxecto de lei no que traballa actualmente a Consellería de Sanidade, "de protección da saúde das persoas menores e prevención das condutas adictivas", contempla xa a creación de novos espazos sen fume en marquesiñas, paradas de transporte público e piscinas públicas de toda a comunidade.
Tamén regulará a nova norma, apuntan desde a Xunta, un espazo libre de fume de respecto obrigatorio de "50 metros a cada lado das dependencias das administracións públicas, os recintos sanitarios e os centros docentes e formativos" galegos. Finalmente, equipararanse tamén os cigarros electrónicos e calquera outro tipo de dispositivo similar, con ou sen nicotina, ao tabaco tradicional en todos os espazos "actuais e futuros" libres de fume co fin de controlar o uso dos mesmos e reducir os efectos nocivos que estes poden provocar nos fumadores pasivos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.