Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 08/08/2024 | Actualizada ás 13:17
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, visitou este xoves o novo albergue de Piñor, unha das últimas incorporacións á Rede Pública de Albergues do Xacobeo e que vén incrementar a capacidade de aloxamento na Vía da Prata. Xosé Merelles puxo de manifesto a importancia da posta en marcha desta infraestrutura para seguir diversificando o Camiño de Santiago nos distintos itinerarios. De feito, precisou, esta ruta "está a crecer a un ritmo do 20 %" e estase especializando en peregrinos que veñen dacabalo.
O novo albergue, engadiu, responde a estas necesidades, con dous edificios con 36 prazas, tres delas adaptadas a persoas con discapacidade, e un cortello con cinco boxes e tres cercas no exterior para garantir a atención e o descanso dos animais. No edificio principal sitúanse un total de 18 liteiras dobres con aseos, unha zona de recepción e atención ao peregrino, unha área de cociña e comedor, un dormitorio triplo e baño adaptados para persoas con discapacidade e unha zona de lavandaría e tendal.
Este albergue do Piñor súmase aos outros 14 situados ao longo de toda a Vía da Prata da Rede Pública de Albergues do Xacobeo, o que supón que oferta un total de 480 prazas neste itinerario. A maiores, Merelles informou de que o Goberno galego autorizou a licitación do novo contrato para o servizo de atención ao peregrino, limpeza e xestión de cobro nos albergues da Rede Pública e centros e puntos de información con vistas a estar preparados para o Xacobeo 27. A Xunta destina a este fin máis de 11,7 millóns de euros para os próximos dous anos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.