Preto de 5.000 persoas piden traballo para o naval co apoio do sector gandeiro

O Comité de Empresa de Navantia acusa aos políticos de vender “fume” en campaña. Todas as forzas da oposición participan manifestación de Ferrol, onde tamén se fixeron sentir os produtores do leite.

Por Galicia Confidencial | Ferrol | 13/12/2015 | Actualizada ás 18:06

Comparte esta noticia

Ao redor de 5.000 persoas, segundo narra Raúl Salgado en Ferrol360, acudiron á manifestación organizada polos principais sindicatos ( UXT, CCOO e CIG) en Ferrol. Os operarios aproveitan a campaña electoral para esixir futuro para Navantia, empresa que depende do Estado.

Tractores do leite na marcha do naval en Ferrol
Tractores do leite na marcha do naval en Ferrol | Fonte: Raul Salgado Twitter

Javier Galán, presidente do comité de empresa de Navantia Ferrol, criticou aos políticos e dixo que «xa estamos fartos de fume en campaña», en referencia as promesas de carga de traballo.Galán lembrou que miles de traballadores galegos perderon o emprego no naval nestes anos. Na súa opinión, o anuncio de Navantia de que rematara a crise é falso.

O xornalista Nicolás Vidal, ex-redactor de Diario de Ferrol, leou o manifesto do evento. Todas as grandes forzas da oposición estiveron presentes. Francisco Jorquera (BNG), Beatriz Sestayo (PSOE) e o alcalde Jorge Suárez (de EU e a marea Ferrol en Común) sumáronse á marcha. 

Nunha mostra de solidariedade proletaria con poucos ou ningún precedente na historia recente do país, a protesta contou co apoio de traballadores do agro. Varios tractores dos gandeiros do leite secundaron a marcha dos operarios industriais. 

O alcalde Suárez lembrou que a penas un milleiro de operarios quedan en Navantia. Na súa opinión, cómpre xa dotar os estaleiros cun dique flotante para garantir a carga de traballo.

A marcha percorreu Ferrol sen incidentes entre a Praza do Inferniño e a Praza de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta