“Hai que distinguir entre a corrupción de verdade e a falsa corrupción”

Miguel Lorenzo é o cabeza de lista do PP pola Coruña, unha provincia na que os populares perderon as tres principais alcaldías urbanas nas municipais. Con todo, Lorenzo está convencido de que estes comicios van ser diferentes e que os populares van recuperar o terreo perdido porque di que a xente xa é consciente da recuperación económica.

Por Xurxo Salgado | A Coruña | 14/12/2015 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

O cabeza de lista polo PP na Coruña, Miguel Lorenzo, critica as investigacións xudiciais que poñen en dúbida a credibilidade dos políticos e que logo quedan en nada. “Hai xente que foi investigada e que logo se comprobou que non cometeu ningún delito e era totalmente inocente. Hai que ser moi precavidos con isto”, apunta. Por iso, aposta por distinguir “entre os corruptos que rouban e os políticos que son inxustamente investigados e cuxos casos foron arquivados sen chegar a xuízo”.

Miguel Lorenzo, candidato do PP na Coruña
Miguel Lorenzo, candidato do PP na Coruña | Fonte: ppdegalicia.com

Tamén está convencido de que o PP vai a ser o claro vencedor dos vindeiros comicios. “As enquisas son as que son e a min as que me importan son as do día 20 e esperemos repetir resultados  e obter os cinco pola Coruña e 15 e os mesmos que hai catro anos en toda Galicia”. Con todo, recoñece que as municipais “foron unha gran chamada de atención da que aprendemos para tentar non caer nos mesmos erros”.

Como levas a campaña?

Con moita ilusión, con moito traballo, con moito contacto coa xente e con moita cercanía. A verdade é que ten momentos bonitos e outros momentos que son máis duros. Pero así son as campañas electorais.

E a que se debe ese desembarco de líderes do PP de España en Galicia; os presidentes autonómicos de Madrid e Castela A Mancha, a vicepresidenta Soraya Saenz de Santamaría e o propio Rajoy?

Pois é algo normal. Estamos facendo unha campaña nacional e é lóxico que os nosos líderes anden por todo o país. E tamén hai que ter en conta que tanto o propio presidente, como Ana Pastor, son candidatos galegos e é lóxico que estean por aquí.

Ousexa que iso tamén explica que Feijóo mitine fóra?

Pois si porque é un líder moi coñecido en toda España e é normal que vaia a outros sitios. É algo positivo porque damos a coñecer que no PP hai un equipo de moitas persoas e que todos somos un equipo.

E que opinas dos últimos sondeos?

Pois din que hai un un 40% indecisos e que hai que traballar para convencelos e para que saiban que o mellor proxecto é o do PP. É un proxecto que está fundamentado na creación de emprego e na recuperación económica. 

Pero na enquisa do CIS, ademais de indecisos, falaban da perda de cinco escanos en Galicia, dous deles na Coruña. Iso é un bo correctivo para o PP?

As enquisas son as que son e a min as que me importan son as do día 20 e esperemos repetir resultados  e obter os cinco pola Coruña e 15 en os mesmos que hai catro anos en toda Galicia. Estamos traballando para conseguilo e esperemos facelo.

E non cres que iso ten que ver coa perda do voto urbano. Nas municipais viuse ese fenómeno claramente na Coruña, Ferrol e Santiago. Que lle pasa ao PP para non convencer, agora, ao electorado das cidades?

O que pasou nas municipais foi que influíu moito o voto emocional. A xente estaba enfadada co PP e non fomos quen de explicar certas medidas como foi a da recuperación económica. Agora podemos explicar que despois de 4 anos o país non foi intervido económicamente e, neste momento, o voto urbano ten que ser consciente destes logros. Tamén está claro que o das outras eleccións foi unha gran chamada de atención da que aprendemos para tentar non caer nos mesmos erros. 

Naquela campaña e, sobre todo, nesta, estase falando moito de corrupción. Un asunto que padeceu nos últimos anos o sue partido. Non cres que pode lastrar moito a vosa imaxe?

Sempre inflúe e é un dos maiores cancros que ten o sistema democrático. Ataca a credibilidade das institucións e fai moito dano aos partidos e ao sistema democrático. Pero eu creo que o PP é o partido que máis medidas tomou para evitar a corrupción. Mesmo modificou o Código Penal para que os corruptos devolvan o diñeiro que roubaron.

Ti tamén fuches investigado pola xuíza Pilar de Lara no marco da Operación Pokémon. Pode afectar isto a túa imaxe nestas eleccións?

Fun investigado por unha conversa na que se aludía a min, pero nada máis. Nin fun chamado a declarar nin como imputado, nin coma testemuña. Non presenciei delito ningún e, despois de dous anos, non hai nada de nada. Non fun chamado para nada.

E que opinas das numerosas investigacións abertas a políticos nos últimos tempos en Galicia?

Hai que distinguir entre a corrupción de verdade e a falsa corrupción. Hai xente que foi investigada e que logo se comprobou que non cometeu ningún delito e era totalmente inocente. Hai que ser moi precavidos con isto. Falamos dun estado de dereito e cando unha persoa é acusada sen probas pois hai que agardar a que se pronuncien os tribunais. Xa temos visto moitos titulares con persoas de todos os partidos e vimos, que na maioría dos casos, nin houbo indicios de delito. Por iso, insisto, hai que distinguir entre os corruptos que rouban e os políticos que son inxustamente investigados e cuxos casos foron arquivados sen chegar a xuízo. 

Cales son as propostas que o PP ten para Galicia nestes comicios?

Pois o noso programa electoral vai dirixido a todos os españois, pero é certo que, no caso de Galicia, hai unha aposta do PP para infraestruturas como o Porto Exterior da Coruña ou a conexión do AVE coa Meseta. Ademais, do resto das propostas tamén se benefeciarán os galegos como o conxunto dos españois. 

Falas do AVE pero, curiosamente, nesta lexislatura acumulou numerosos atrasos...

Iso é porque a construción do AVE é diferente dependendo das zonas. Non é o mesmo construír na Meseta que en Galicia. En todo caso, xa está asignado o diñeiro para todo o que resta e agardamos terminar con esta obra tan necesaria para Galicia e que algúns partidos como Ciudadanos xa pon en dúbida. 

Agora que te refires a Ciudadanos. Non pensas que vos poden rabuñar votos?

Non creo. Eu, por exemplo, non sei se, realmente, se presentan en Galicia porque ao único que se coñece é a Albert Rivera. Aquí non coñezo a quen se presenta pola Coruña que, ademais, nin teñen programa electoral para Galicia. É algo que me chama a atención porque se presentan sin ter nada feito.  

Bueno. Vós tampouco tedes un programa específico para Galicia?

Si, si. Eu xa te dixen que hai infraestruturas que hai que facer e moitas outras propostas do programa electoral tamén van a afectar a galegos e iso é o importante, como poden ser cuestións da pesca. Hai temas de maneira xeral porque é un programa que vai dirixido ao conxunto dos españois.

Con todo, as enquisas danlle escanos a Ciudadanos aquí...

A min as enquisas que me interesan son as do 20 D. Son as que importan e agardo que estes días de campaña sexamos quen de comunicarllo ao noso electorado e explicar o que pretendemos facer os próximos catro anos. Unha vez que os cidadáns coñezan todos os programas e sexamos quen de transmitirlle ben o noso, pois votarán por nós. Esperaremos ao día 20 que é o día decisivo.

E como ves ao PSOE, pensas que pode ser castigado polas mareas e Podemos?

O PSOE ten un problema forte de liderato. É un partido falto de cohesión e non sei se lle quitará Podemos votos pero o certo é que o seu liderato está en cuestión. Isto é triste porque é un partido que ten unha traxectoria histórica e é importante que haxa partidos fortes. Pero o PSOE está en caída libre e non sei se estes votos irán ao PP aou ao partido que ti dis.

E xa para rematar. Ti es irmán do actor Francis Lorenzo. Quería aproveitar para preguntarte pola Cultura porque é sempre o becho raro dos programas electorais. Supoño que disto xa terás falado algo co teu irmán, non?

Está claro que vai a haber unha gran aposta polo audiovisual para acabar coa piratería. Creo que tivemos, neste anos, boa relación co mundo do cine, aínda que son moi belixerantes co PP. Outros apoiaron as nosas propostas porque mantivemos un diálogo aberto co sector. E, a pesar da crise, fixéronse cousas. A TVE fixo grandes series, con grandes actores e medios. E é moi bo que a televisión, como medio, incentive producións audiovisuais propias. E niso tivo moito que ver o PP. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

4 Helioterapia

Deus! Non foi este o que dixo que non vía nada de malo en axudar aos coñecidos dándolles postos de traballo cando tés o poder político? Axuda aos do BNG, sindicalistas, comunistas, etc tamén? ou só aos do PPSOE? Mi madriña que país!

3 Diagonal

sendo pontevedres non se presenta por pontevedra porque ali coñecen ben a familia...

1 Salvame de Lux

Fun compañeiro de instituto e de carreira, Fora da política é bo rapaz, Na súa familia hai de todo, como na de todos, mesmo ten unha curmá que foi moito tempo concelleira do BNG de Poio. Nas últimas municipais foi de suplente número 22, A sú tia, Rosaura, foi a criada de John Lennon , aquí tes unha entrevista con ela http://www.elmundo.es/elmundo/2005/...

2 BastiagueiroPequeno

Defende a vida? E o matrimonio natural fronte ao sodomita? Condena a memoria de Fraga pola execución de Julián Grimau, ou por defender a pena de morte con aquelo de "soy partidario de la pena de muerte como lo soy de las operaciones quirúrgicas"?

1 aguila roja

Frase para la posteridad del estadista hermano de aguila roja.