Temas: AMTEGA TIC EMPREGO

Galicia carece de profesionais suficientes no ámbito científico tecnolóxico

Malia ser un dos sectores con máis demanda de traballo, os estudantes galegos amosan pouco interese por formarse como profesionais das TIC.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 15/12/2015 | Actualizada ás 11:08

Comparte esta noticia

O sector das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) é un dos que máis demanda de traballo ten. Porén, nos próximos cinco anos, o índice de titulados nas universidades galegas en estudos relacionados co ámbito científico tecnolóxico non será suficiente para cubrir a demanda de profesionais neste sector. Dos 10.000 alumnos titulados nas tres universidades galegas en 2014, só 753 cursaron carreiras científico-tecnolóxicas, unha tendencia descendente que se mantén desde o ano 2010. Uns datos que contrastan coa crecente demanda de emprego no sector TIC a nivel rexional, estatal e europeo.

Un experto en tecnoloxías da información e da comunicación.
Un experto en tecnoloxías da información e da comunicación. | Fonte: Xunta.

Actualmente, en Galicia o sector tecnolóxico emprega a máis de 14.000 persoas e rexistrou un volume de negocio en 2014 de 2.936 millóns de euros, un 4,6% máis que o ano anterior.

Así queda de manifesto no “Estudo sobre os factores influentes na elección de estudos científicos, tecnolóxicos, enxeñerías e matemáticas en Galicia”, elaborado pola consultora multinacional Everis, dentro dos seus compromisos como empresa asinante do Pacto Tecnolóxico de Galicia. As conclusións do estudo presentáronse nunha xornada na que participaron os representantes das tres entidades que colaboraron na súa elaboración: a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, e o director de Administracións Públicas da consultora everis, Sergi Biosca.

Este informe é unha das iniciativas da Axenda Dixital de Galicia 2020 para impulsar as vocacións tecnolóxicas e dar resposta á demanda de novos perfís dixitais que demanda o sector.

Para atopar a causa da falta de vocacións STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñerías e Matemáticas), o estudo, realizado a partir dunha mostra de 5.120 estudantes de 3º e 4º da ESO e de Bacharelato da 40 centros educativos da Comunidade, identifica unha serie de variables que inflúen nos alumnos á hora de elixir o seu itinerario formativo: o propio alumno, a contorna próxima, a contorna educativa e a contorna social. Sobre estes mesmos ámbitos, o estudo propón diferentes liñas de actuación para contribuír ao incremento de vocacións TIC.

Falta de confianza, dificultade e fenda de xénero

O estudo pon de manifesto que case o 40% dos estudantes non se senten capaces de cursar este tipo de estudos. Unha falta de autoconfianza que se incrementa no caso das alumnas, xa que só o 54% se ven capacitadas para estudar unha carreira do ámbito TIC, fronte o 74% dos alumnos. Esta fenda de xénero tamén se reflicte no feito de que, fronte ao 46% dos mozos que optan polo Bacharelato Científico-Tecnolóxico, unicamente un 33% das rapazas o elixen.

A vocación é a motivación principal dos alumnos (92%) para a elección do tipo de estudos, seguido da utilidade e da facilidade. Precisamente, a facilidade é o motivo que sinala o 59% de alumnos de ESO que se decantan por un Bacharelato distinto ao Científico-Tecnolóxico. Por tanto, é preciso traballar para cambiar a percepción da mala relación esforzo- beneficio, sobre este tipo de itinerarios formativos.

Finalmente, a decisión sobre o tipo de estudos que queren realizar os alumnos, está xa formada no momento que chegan a 3º e 4º de ESO, xa que no paso deste ciclo ao Bacharelato non se produce un cambio nas preferencias. Así, sería entre o segundo e terceiro ciclo de Primaria, o momento clave para fomentar o interese dos alumnos por estas materias.

A influencia das nais e dos pais

O contexto do alumno, nas súas diferentes facetas, é o principal condicionante no momento de elección de estudos STEM. O estudo pon de manifesto que a influencia das nais e pais é a máis relevante para tomar unha decisión sobre formación, segundo declararon o 79% dos alumnos.

En canto á influencia do contexto académico, o estudo revela que o rendemento académico dos estudantes de Bacharelato Científico-Tecnolóxico é superior ao daqueles que optaron por outros itinerarios formativos. Este feito, sumado á imaxe de excesiva dificultade neste tipo de estudos, subliña a necesidade de poñer en marcha accións que suavicen percepción de dificultade destas carreiras e que poñan en valor a relación positiva entre custo–beneficio de desenvolvelas, informa a Amtega.

Por outra banda, o estudo constata que os alumnos, demandan maior información sobre as distintas profesións, o que fai preciso redefinir as colaboracións escola– universidade–empresa, creando novas sinerxias que permitan unha transferencia de coñecemento.

Descoñecemento

Aínda que en xeral, os alumnos asocian os estudos e profesións relacionadas coas ciencias, tecnoloxías, enxeñerías ou matemáticas a traballos ben remunerados e cun considerable impacto social, o estudo reflicte que hai unha porcentaxe de estudantes que descoñecen esta realidade, polo que se considera necesario incidir sobre dous elementos como son o prestixio e a utilidade social.

Tamén a imaxe que perciben os alumnos sobre os profesores e materias científico- tecnolóxicas, é relevante, polo que o estudo propón fortalecer por unha banda, a formación e competencias nas TIC do profesorado non STEM, e no caso do profesorado STEM, promover accións que reforcen a súa base didáctica para facilitar un maior achegamento ao alumnado.

En canto ás materias de informática e tecnoloxía o estudo apunta á necesidade de darlles un carácter máis transversal, así como aumentar nelas o peso da creación dixital (programación, robótica, etc.).

Temas: AMTEGA TIC EMPREGO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Queimado

Xa estamos un pouco fartos de leer a mesma cantinela nos medios de comunicación, "Faltan titulados en carreiras TIC". Para mais noxo sacao unha consultora, Everis. Señores a xente non estudia Enxeñería Informatica nin Enxeñeria de Telecomunicacións porque a parte de ser unhas carreiras dificiles .... acabas traballando moito, gañando pouco e con unha calidade de vida que da noxo.... NON MERECE A PENA.. e a sociedade sabeo... malia si o sabe... mirade as estadisticas de matriculados en carreiras STEM nos ultimos anos..... hai que pagar señores de Everis... eso é o que tedes que facer.. e respetar horarios.... . Ahora se te vas a outro pais cambia o asunto.. carallo se cambia.

1 Ghalopín

O realmente inadmisible é pensar que un rapaz ou rapaza que remata unha carreira difícil nun eido que supostamente precisa de milleiros de profesionais atopa ofertas de traballo con salarios miserentos e xornadas maratonianas. Para vivir con certa dignidade demasiadas veces compre emigrar, así que seguiremos en déficit de traballadores formados nas TIC.

1 Steb Jons

E a tipica noticia caza estudantes, a realidade e que se estuda moito, se traballa moito e se gaña pouco. En Españistan NON merece a pena estudar unha carreira tecnoloxica. Somos os esclavos do Seculo XXI.