Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/09/2024 | Actualizada ás 18:29
A Mesa pola Normalización Lingüística trasladou o seu apoio a dous avogados galegos que reclaman ao Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) 50.000 euros "por negarlles atención en galego", informa.
A entidade subliña que a maioría das consultas recibidas pola Liña do Galego "teñen que ver con situacións onde inicialmente se nega ás persoas usuarias de servizos públicos e privados a posibilidade de usar e recibir atención en galego".
En concreto, confirma o rexistro dunha reclamación por parte de dous avogados de Lugo "polo incumprimento da recente Lei Integral de Igualdade de Tratamento e non Discriminación, que protexe á cidadanía tamén contra a discriminación por razón de lingua".
"A reclamación, que está pendente de estudo, pode supor para o organismo unha multa de ata 50.000 euros por condutas discriminatorias graves como as describen Miguel Vieito e Cristina Fernández, aos que unha funcionaria da Delegación Provincial do INSS negoulles a resolución dunha consulta, en varias ocasións, por non falar en español", sostén A Mesa.
A entidade apunta tamén a denuncias deste tipo nos seus informes anuais de Liña do Galego, un servizo gratuíto ofrecido para a tramitación de queixas cara ás instituiones ou empresas. "A chantaxe linguística para forzar aos usuarios e usuarias de servizos a deixar de falar galego está á orde do día", sostén o presidente da Mesa, Marcos Maceira.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.