A USC realiza a primeira investigación no mundo que aplica drons en xeomorfoloxía costeira

O catedrático de Xeografía Física Augusto Pérez Alberti comprobou en dous coidos galegos en Laxe Brava e Oia cómo os temporais afectan a súa fisionomía.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 22/12/2015 | Actualizada ás 11:56

Comparte esta noticia

As praias de cantos e bloques, coñecidos como coidos, son un dos elementos máis singulares que existen en Galicia. Pero ata hai ben pouco apenas se lles prestaba atención, dado que se consideraba que a súa mobilidade era reducida; mesmo había quen a puña en dúbida ou quen apuntaba a posibilidade de que estivera relacionada con tsunamis. Porén os traballos sobre a xeomorfoloxía costeira en Galicia do catedrático de Xeografía Física da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Augusto Pérez Alberti, en colaboración co profesor da Universidade de Windsor (Canadá) Alan Trenhaile —máxima autoridade no estudo de costas rochosas a nivel mundial—, amosan unha maior mobilidade deses bloques da que se lle supuña. Os dous investigadores apuntan os temporais mariños, e non a existencia de tsunamis, como causantes da dinámica cambiante dos bloques, de maneira que “é fundamental coñecer ese dinamismo para a planificación e xestión do litoral”, explica Pérez Alberti quen denuncia que a falla de atención ás investigacións sobre o litoral “explica moitos dos desastres asociados aos temporais”, informa a USC.

Augusto Pérez Alberti, catedrático de Xeografía Física da Universidade de Santiago
Augusto Pérez Alberti, catedrático de Xeografía Física da Universidade de Santiago | Fonte: USC.

Drons en dúas praias galegas 

En 2012, o profesor da USC puxo en marcha un proxecto de seguimento de praias de bloques mediante o uso combinado de drons e fotogrametría en colaboración coa empresa galega Cartogalicia que durou ata 2014. Para ese traballo, o primeiro no mundo do que se ten constancia na aplicación de drons en xeomorfoloxía costeira, seleccionou un coido en Laxe Brava, ao norte de Ribeira, e outro en Oia, ao sur da Ría de Vigo

Os datos, integrados nun SIX, indican con claridade como canto maior é a intensidade dos temporais se produce máis mobilidade, “chegando a moverse nun ano miles de blocos de grande tamaño, algúns de varias toneladas”, explica o profesor.

“Nese ano, por exemplo, trasladouse de lugar o 17,5% dos clastos (fragmentos de rochas) da praia Laxe Brava e cerca do 53% na de Oia, maior neste último caso por seren os cantos rodados máis pequenos”. O maior movemento  dos bloques no inverno de 2013-2014 respecto ao anterior está relacionado tanto coa maior altura das ondas dos temporais como pola súa repetición en períodos de tempo curtos. 

O traballo dá conta ademais da relevancia de combinar a fotografía co dron –Pérez Alberti foi dos primeiros en empregar esta tecnoloxía– para o levantamento fotogramétrico, que permite facer modelos dixitais moi precisos, neste caso de ata 1 centímetro, para así coñecer moi ben cómo se move a costa galega cos temporais.  

Impacto internacional

Pérez Alberti presentou os seus primeiros resultados no Congreso Internacional de Xeomorfoloxia celebrado en agosto de 2013 en París. Del derivou un primeiro artigo, redactado en colaboración con Alan Trenhaile, na revista Earth Surface Processes and Landforms no que se  comparaban os datos obtidos entre 2012 e 2013. Recentemente publicou un segundo artigo na revista Geomorphology no que se presentan os resultados obtidos entre 2012 e 2014. Ambas as dúas publicacións son as de maior impacto internacional no seu ámbito.

Imaxe que combina a orto, enriba, co modelo dixital do terreo, debaixo
Imaxe que combina a orto, enriba, co modelo dixital do terreo, debaixo | Fonte: USC.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta