Feijoo 2016

De entre os millóns de persoas que seguen con interese o enredo postelectoral en España, seguramente Núñez Feijoo sexa un dos que o vive en maior tensión. Compréndese ben: leva anos acumulando méritos á espera dun momento así.

Por Marcelino Fdez. Mallo | A Coruña | 05/01/2016

Comparte esta noticia

Malia obter o maior número de votos entre as distintas candidaturas, o partido dos seus desvelos ten difícil formar goberno. Fáganse as contas que se fagan, o PP necesita da colaboración do PSOE para superar a investidura. Algo que resulta seguramente imposible con Mariano Rajoy como aspirante a presidente.

Tanto se PP e PSOE chegan a algún tipo de acordo como se hai que convocar novas eleccións, semella que a figura de Rajoy so representa un estorbo. En meses precedentes, os medios madrileños parecían citar de maneira indistinta a Soraya Sáenz de Santamaría e a Núñez Feijoo como posibles substitutos, indiferenza que máis ben agochaba unha implícita advertencia para non abriren as hostilidades antes de tempo. Porén as cousas agora seica están bastante máis claras.

Agás algún medio galego que intenta axudar a recuperar o terreo perdido, os xornais oficialistas decántanse con unanimidade a favor dunha vicepresidenta que reúne dúas condicións esenciais a día de hoxe: nova e limpa. Ten unha idade compatible cos candidatos dos partidos emerxentes e nunca foi salpicada por ningún dos múltiples casos de corrupción que protagonizou o seu partido. Inda máis: en caso de que houbese mudanza de candidato no PSOE, o factor de xénero xa non xogaría en contra do PP.

Feijoo, nin tan novo nin tan limpo, simula apoucado ante Soraya. Repasa a  súa estratexia de desmantelamento das políticas do goberno bipartito anterior, o acoso ao que someteu a cultura e lingua galegas, o leal seguimento das instrucións chegadas de Génova ou da Moncloa, e matina sobre o que tal puido fallar; pensa que o fixo todo ben. Certo é que pouco o axuda a falta de resultados en Galicia –nin un dato favorable nos eidos económico e social– a xestión desafortunada de asuntos clave –o hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo o penúltimo exemplo– ou a permanente espada de Damocles que supoñen os seus tratos fotografiados con algún referente do narcotráfico...

En Galicia haberá eleccións durante 2016 e Feijoo debátese sobre cando convocalas e se encabezar a candidatura dos populares. Sinte o desgaste –mesmo aburrimento– polas dúas lexislaturas pasadas con máis pena que gloria, o bafo frío das Mareas preto da caluga, a perda de enerxía dalgún dos colaboradores máis próximos, mesmo a irrupción, inda que tímida, de C´s en Galicia, e cruza os dedos para que Mariano saque un coello do sombreiro e consiga formar goberno. Feijoo contentaríase cun ministerio. Recemos para que non sexa o de Sanidade.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Marcelino Fernández Mallo Economista coruñés con ampla traxectoria no sector financeiro galego e no mundo Internet. Colaborou con medios de distinta liña entre os que cabe salientar Vieiros, a Radio Galega e Xornal de Galicia. É autor das novelas Pallarega, A trenza ou Klásicos. Mantén o blog Atrenza.
@pallarego