O exército español está "en máxima alerta" en Líbano, segundo a ministra de Defensa

Margarita Robles subliñou que non cambia de opinión "dun día para outro" ao ser preguntada sobre se mantén as súas palabras cando se referiu a Venezuela como unha "ditadura".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/09/2024 | Actualizada ás 16:26

Comparte esta noticia

A ministra de Defensa, Margarita Robles subliñou que o continxente español está "en máxima alerta" en Líbano e "cumprindo todas as medidas de seguridade" e "prevención". Cuestionada, durante unha visita á empresa Urovesa en Valga, sobre se o Goberno está a planear a repatriación de españois, Robles remitiuse á explicación do ministro de Asuntos Exteriores.

"Fixo ese chamamento aos cidadáns españois que estean en Líbano para que poidan abandonar o país polos seus medios", apuntou a ministra. Pola súa banda, indicou que o que pode dicir é que neste momento o continxente español está "en máxima alerta, cumprindo todas as medidas de seguridade, todas as medidas de prevención". Así, pediu "ver como evolucionan os acontecementos e mentres tanto no día a día eles (o continxente) están a cumprir coa súa misión". "Como nos dicía o outro día o xeneral e tendo en conta todas as medidas de protección e precaución necesarias", finalizou.

A ministra de Defensa, Margarita Robles, durante unha visita ás instalacións de UROVESA Vehículos Especiais S.A, a 30 de setembro de 2024, en Valga
A ministra de Defensa, Margarita Robles, durante unha visita ás instalacións de UROVESA Vehículos Especiais S.A, a 30 de setembro de 2024, en Valga | Fonte: César Arxina

MANTÉN A VENEZUELA COMO "DITADURA"

Por outra banda, Robles subliñou que non cambia de opinión "dun día para outro" ao ser preguntada sobre se mantén as súas palabras cando se referiu a Venezuela como unha "ditadura". "Creo que esta pregunta fixéronma moitas veces. Estiven o outro día na presentación dun libro e dixen claramente o que pensaba. Eu non cambio de opinión dun día para outro", aseverou.

"Na presentación dun libro dixen o que pensaba e non cambio de opinión dun día para outro. Ou sexa que non entendo moi ben por que me preguntan sempre o mesmo", reiterou. Neste sentido, a ministra limitouse a recalcar que cre que fala "un castelán bastante claro" e que falou "nun castelán moi claro o outro día".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta