Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/10/2024 | Actualizada ás 18:41
A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) fai un chamamento para que haxa unha volta ao "consenso" con motivo dos 20 anos de aprobación, por unanimidade no Parlamento autonómico, do 'Plan xeral de normalización da lingua galega'. Nun comunicado, lamentan que despois de dúas décadas non se alcanzaron os obxectivos establecidos no plan e "continúan sen aplicarse" as 400 medidas recollidas no texto.
Ademais, expoñen que este plan non está adaptado aos avances dos últimos anos na sociedade galega, tales como a irrupción de redes sociais, a intelixencia artificial ou o aumento de poboación migrante. Por iso, os traballadores pola normalización quéixanse da "vía morta" na que se atopa o plan, con ausencia de orzamento e persoal específico, á vez que se produce un descenso "alarmante" no uso do idioma propio de Galicia e na súa transmisión interxeracional. Emprazan á Xunta a un "cambio rumbo" coa eliminación de "toda medida antinormalizadora e a apertura dunha nova etapa".
O BNG ESIXE CUMPRIR RECOMENDACIÓNS DO CONSELLO DE EUROPA
Pola súa banda, o BNG presentou varias iniciativas no Congreso para que o Estado cumpra coas recomendacións do Consello de Europa e cumpra coa Carta das Linguas. O deputado do Bloque no Congreso, Néstor Rego, avisa de que "é o momento de avanzar no respecto dos dereitos lingüístico da cidadanía e garantir o uso do galego en todos os ámbitos da Administración do Estado": ámbito xudicial, administrativo e persoas consumidoras. O BNG pide aproveitar a tramitación da lei de eficiencia organizativa para incorporar máis dereitos lingüísticos na administración de xustiza, como xa avanzou con emendas a este texto.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.