Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/10/2024 | Actualizada ás 12:18
Máis dunha ducia de persoas foron detidas ata o momento nun operativo policial contra o tráfico de heroína que se desenvolve fundamentalmente na comarca pontevedresa do Salnés con ramificacións na provincia da Coruña e Portugal.
A operación, bautizada como Ceira e na que participan Garda Civil, Policía Nacional e Vixilancia Aduaneira, desenvólvese desde a madrugada deste mércores e permanece en marcha baixo segredo das actuacións, segundo confirmou o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada.
Polo momento, as autoridades confirman unha ducia de detencións pola súa implicación nunha rede dedicada principalmente ao tráfico de heroína que operaba desde a zona do Salnés con extensión na Coruña e Portugal, onde tamén se produciron rexistros como os levados a cabo nos municipios pontevedreses da Illa e Vilanova de Arousa.
Ademais dos arrestos, o operativo incautouse dunha "significativa" cantidade de heroína, marihuana e distintos materiais vinculados ao narcotráfico, así como vehículos e diñeiro en metálico, como trasladou en declaracións aos medios na mañá deste mércores Abel Losada.
O responsable da Subdelegación do Goberno resaltou o traballo e a coordinación de Policía, Garda Civil e Aduanas, que lograron dar "unha vez máis un duro golpe" ao narcotráfico, que suma este ano "unas cantas operacións" saldadas "con éxito". "Cada vez que cae unha organización criminal dedicada ao narcotráfico é unha boa noticia para a sociedade", apostilou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.