Por GC Emprende | Santiago | 18/01/2016 | Actualizada ás 09:35
As empresas galegas incrementaron as vendas online durante o ano 2015, situándose por riba da media estatal. Unha de cada cinco empresas de 10 ou máis traballadores con actividade en Galicia vendeu a través de Internet, cun incremento de case 5 puntos no último ano. As microempresas rexistraron un incremento aínda superior con seis puntos máis que o ano anterior. En 2014 só o 4,2% das empresas de menos de 10 empregados rexistraban vendas a través da rede, unha cifra que ascendeu a máis do dobre en 2015, acadando o 10,6%.
Son datos recollidos no informe “A Sociedade da Información nas Empresas de Galicia”, correspondente ao ano 2015, publicado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). O estudo analiza a integración das TIC no tecido empresarial galego, integrado por un total de 195.595 empresas, das que o 96,4% son microempresas.
Sinatura dixital, factura electrónica e ferramentas de xestión
O informe sinala que tres de cada catro empresas de máis de 10 traballadores e un 34,9% das microempresas galegas empregan a sinatura dixital. As grandes empresas galegas utilizan a sinatura dixital en maior medida que no conxunto do Estado, mentres que no caso das microempresas sitúanse en valores próximos á media estatal
En relación ao envío de facturas electrónicas as empresas galegas superan a media estatal, independentemente do seu tamaño. Nas de máis de 10 traballadores, a porcentaxe de empresas galegas que enviaron facturas electrónicas ascendeu ata a 17,9% fronte ao 14,5% da media estatal. No caso das microempresas galegas, a porcentaxe sitúase no 3,9% fronte ao 2,9% da media estatal.
Entre os resultados desta análise, cabe salientar que o emprego de dispositivos móbiles incrementouse significativamente no último ano, especialmente nas empresas máis grandes. Dúas de cada tres empresas galegas de 10 ou máis traballadores proporcionaron dispositivos portátiles con conexión a Internet para uso empresarial, 11,8 puntos máis que o ano anterior.
O tamaño da empresa inflúe de xeito decisivo no uso de servizos de Cloud Computing (nube computacional). Un 4% das microempresas compraron este tipo de solucións, elevándose a porcentaxe nas empresas máis grandes ata o 17,1%. As solucións de Cloud Computing máis demandas son o uso de e-mail, o almacenamento de ficheiros ou o servidor de bases de datos de empresa.
Por outra banda, as ferramentas ERP para compartir información sobre compras e vendas con outras áreas da empresa; e CRM para a xestión de vendas e información de clientes, están presentes no 44,5% e no 40% das as empresas galegas de máis tamaño, superando a media estatal en ambos casos.
Velocidades de contratación de Internet
A práctica totalidade das empresas galegas de 10 ou máis traballadores dispón de Internet contratado. No caso das microempresas, este dato sitúase no 57,9%. O acceso á banda larga móbil segue aumentando nas empresas galegas de máis de 10 traballadores, situándose no 79,3% mentres que nas microempresas este indicador está no 60,2%.
Respecto ás velocidades, o 55,3% das grandes empresas contratan velocidades de 10 Mbbp ou superior, fronte ao 44,3% das microempresas. Neste segmento empresarial, o indicador experimentou un aumento de 5 puntos porcentuais no tramo de velocidade superior ou igual a 10 Mbps.
Tamén cabe destacar que un 15% das empresas de 10 ou máis traballadores a xa conta con velocidades ultrarrápidas superiores aos 100 Mbps, 3 puntos porcentuais máis que o ano anterior.
A visibilidade na estratexia empresarial
A dispoñibilidade de páxina web é un indicador significativo da visibilidade das empresas galegas en Internet. Un 78,1% das empresas de máis de 10 traballadores con actividade en Galicia posúe páxina web, fronte ao 28% das microempresas con conexión a Internet.
Outra tendencia na estratexia empresarial é a presenza en medios sociais, xa sexa a través de redes sociais (Facebook, Linkedln, Twitter, etc.), blogs de empresa, espazos con contidos multimedia ou outras ferramentas wiki de coñecemento. Un 39,6% das empresas de 10 ou máis traballadores con sede ou actividade en Galicia emprega as redes sociais sociais fronte ao 27,3% das microempresas. Os valores deste indicador para as empresas galegas superan lixeiramente a media estatal.
A maioría das empresas valora positivamente o uso dos medios sociais: preto da metade das empresas galegas consideran moi útil a súa utilización.
Trámites electrónicos coas Administracións Públicas e investimento en TIC
O informe sinala que un 91,7% das empresas de 10 e máis asalariados que teñen actividade en Galicia interactuou coas Administracións públicas través de Internet. No caso das microempresas con conexión a Internet, a porcentaxe sitúase no 72,7%, cunha subida de 6,1 puntos porcentuais respecto ao ano anterior, o que as sitúa por riba da media estatal.
A incorporación das TIC, tanto nos procesos internos como de negocio, permite a creación e absorción de talento e innovación para xerar novas oportunidades e promover o liderado das nosas empresas.
Neste senso, o gasto en servizos e consultas TIC constitúe a partida de gasto en TIC máis importante para as grandes empresas galegas, seguido do gasto en bens TIC. Entre as microempresas, a distribución do gasto é máis homoxénea, cun valor próximo aos 25 millóns de euros, no caso do gasto total en bens e o gasto en servizos e consultas TIC.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.