Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/10/2024 | Actualizada ás 09:35
A Policía galega volve estar no centro da polémica e, a diferencia do que acontece en Cataluña ou Euskadi, ten poucos efectivos e moi poucas competencias. Xunta e Goberno central volven utilizala para tentar facer política. Unha política que, desde hai tempo, ten conxelado o desenvolvemento da Unidade Adscrita da Policia (UPA) que ve restrinxido o número de axentes e as actividades que, realmente, pode realizar.
Despois de alcanzar en 2013 a cifra máis elevada de axentes prestando os seus servizos na Policía Autonómica, con 474 efectivos, a situación actual é moi diferente. O persoal non deixou de minguar até contabilizar na actualidade un cadro de persoal de 348 traballadores distribuídos entre o seis comisarías das que a UPA dispón en Galicia. Un descenso no número de axentes do 36,2% ao longo do últimos once anos que afasta aínda máis ao país de alcanzar o catálogo de postos de traballo fixado no seu momento por Interior de 500 prazas. Unha cifra de efectivos dos que na práctica Galicia nunca chegou a dispor.
E, ante esta situación Xunta e Goberno central volven cargar responsabilidades mutuas. Desta volta era o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, o que alertaba este xoves de que a unidade de policía adscrita a Galicia sofre unha cobertura de prazas "moi reducida". "Isto implica que nalgún momento ímonos a ver obrigados a deixar de prestar algunha das funcións que leva a cabo", aseguraba, se o Estado non toma "algún tipo de solución" e achega recursos.
ACORDOS QUE NON CHEGAN ENTRE ADMINISTRACIÓNS
O Goberno central non tardaba nin un día en replicar lembrando que é a Xunta que debe financiar a parte que lle corresponde da Policía galega para pór en marcha un novo convenio que permita repor efectivos en Galicia. A través do seu delegado en Galicia, o Executivo central destacaba que agora é o momento de negociar e acordar un novo acordo, de acordo coa Lei Orgánica de Forzas e Corpos de Seguridade, que é a que regula esta materia.
"Esta lei establece, por imperativo legal, que o custo da Unidade Adscrita debe ser cofinanciado ao 50% polo Estado e a Comunidade Autónoma", destaca a Delegación que di que, con todo, "polo momento, a Xunta de Galicia non está disposta a financiar a parte que lle corresponde, tal e como indica dita lei".
Pola súa banda, Diego Calvo respondee que a Xunta "non pode asumir" o pago do custo que lle pide o Goberno de Madrid. "Asómbrame que digan iso", replicou este venres, nun acto na Coruña, o conselleiro de Presidencia, quen admitiu que está pendente de asinar un novo convenio. "Pero as condicións que se expoñen por parte do Goberno central implicarían condicións que a Xunta non pode asumir", aclaraba.
Ata agora, o salario base dos axentes era financiado por parte do Estado e o resto de complementos era financiado pola Xunta, sobre todo, vehículos e instalacións. A Xunta critica agora que o Goberno central quere que o Executivo galego participa tamén no incremento do salario base dos policías, "algo que é imposible", matén Calvo. No entanto, precisou que o Ministerio do Interior "quere" que no salario basee a Xunta participe "no 50%". Ao incidir en que iso sería "imposible", manifestou que o que expón a administración galega é "negociar" un novo acordo.
MENOS POLICÍAS QUE HAI 25 ANOS
A Policía galega depende organicamente da Dirección Xeral de Policía (Ministerio do Interior) e funcionalmente da Dirección Xeral de Interior e Protección Civil da Xunta de Galicia, segundo as previsións do artigo 25.27 do Estatuto de autonomía de Galicia. Cando foi creada o 19 de xuño de 1991, dispoñía de 157 axentes, destinados na capital de Galicia. En 1993 eran 264 axentes e abríronse as catro sedes provinciais, ás que se sumou a de Vigo en 1997.
No ano 2000 había 407 axentes, en 2007 eran 420 e en 2016 435 (61 mulleres e 374 homes). Hoxe contan con preto de 350 policías, menos que hai case 25 anos. E, en parte, esta situación débese a que o Goberno da Xunta impediu o desenvolvemente e conversión desta unidade ascrita nunha policía galega tal e como recolle a Lei de Policías de Galicia, tal e como acontece en Euskadi, Cataluña ou Navarra.
E, ante esta situación, PPdeG e PSdeG insisten en repartir culpas e levar ao parlamento propostas para aumentar a cobertura de prazas, a última este verán co apoio de todos os grupos pero que, a día de hoxe, non ten cumprimento efectivo. E iso que, a diferencia do que acontece co seu cadro de persoal, as tarefas da Policía Autonómica non fixeron máis que crecer desde a creación do corpo en 1991.
Actulamente, a Policía galega ten tamén competencias en servizos de menores de idade, violencia de xénero, furtivismo, marisqueo ilegal, protección do medio ambiente, urbanismo e caza e pesca. Ademais, encomendóuselle tamén a prevención, investigación e inspección dos incendios forestais, ademais de exercer a vixilancia nas diferentes do Camiño de Santiago.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.