Por GC Emprende | A Coruña | 25/01/2016 | Actualizada ás 17:00
Abanca acaba de lanzar unha innovadora tarifa plana de seguros que lle permite ao cliente agrupar gratuitamente todas as pólizas da súa familia nun único produto, e repartir o custo anual das primas en cotas mensuais idénticas.
Deste xeito, o cliente poderá fraccionar en 12 meses, sen xuros nin comisións, o custo dos seguros da súa unidade familiar –saúde, auto, vida, fogar e decesos- que teña contratados con esta entidade. Segundo informa nun comunicado, aboará un único recibo mensual con idéntico importe en lugar de ter que facer fronte a pagamentos de cantidades elevadas de primas anuais no momento en que venza cada seguro.
Destaca, ademais, que o programa ofrece tamén a posibilidade de aforrar ata un 7% do importe do recibo mensual, en función dos seguros incluídos. Se o cliente agrupa os cinco ramos de seguros adheribles á Tarifa Plana, Abanca devolveralle o 7% da súa cota mensual. A porcentaxe mínima de bonificación, con tres ramos de seguros agrupados, é do 3%.
“A Tarifa Plana de ABANCA Seguros é un produto sinxelo e moi diferenciador respecto á oferta actual existente no mercado”, indica. O seu funcionamento é semellante ao dunha tarxeta que permite o aprazamento de compras sen custo para o cliente. A entidade financia de xeito gratuíto en 12 meses o importe total que debe aboar o cliente por todos os seus seguros e os da súa familia (non é necesario que haxa un único tomador).
“O pagamento ás aseguradoras é anual, polo que o cliente se beneficia do mellor prezo polo xeito de pagamento. Ademais, as condicións poden modularse ano a ano, non se esixen primas mínimas nin se establecen prazos determinados”, engade. Outra das vantaxes do novo produto é que permite o aprazamento gratuíto de ata dúas mensualidades ao ano no caso de que o necesite o cliente.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.