Por Galicia Confidencial | Baio | 29/10/2024 | Actualizada ás 20:25
Este mércores comeza a programación dos IV Premios Fouciño que se celebrarán en Baio o sábado 2 de novembro. A inauguración será ás 20h no Edificio Praza s/n coa proxección de Segunda II, unha curta de Anita Pico producida por Henfunk Studio, e co concerto de Gloria Pavía e Rafa Morales.
Segunda II conta a historia de Segunda García, unha muller nacida en Couso (Coristanco) e veciña de Carballo. Segunda foi marcada co seu nome cando naceu, pero ela tiña outros plans. Desde un pequeno pobo galego, esta matriarca de oitenta anos viviu a súa vida coa determinación e personalidade dos emperadores romanos que conquistaron o mundo. Neste retrato dunha muller do rural galego, descubrimos os valores de aqueles que unha vez dominaron a historia. Ao rematar a proxección haberá coloquio coa protagonista e co produtor.
Pecharase a xornada cun concerto da cantante Gloria Pavía e o baixista Rafael Morales, un dúo que traerá un repertorio formado principalmente por temas orixinais, arranxados para voz e baixo eléctrico, unha mistura que xera un diálogo entre os instrumentos que ofrece tanto momentos intimistas como intensos.
PROGRAMACIÓN
A programación continuará o xoves ás 20h coa proxección das curtametraxes Elisa (Paula González), Rompente (Eloy Domínguez Serén), O intruso (Ariadna Fernández Silva) e A comuñón da miña prima Andrea (Brandán Cerviño). O remate da xornada será cun bingo e karaoke cinematográfico con The Fakes.
O venres ás 20h retomarase a actividade con outra sesión de curtametraxes: Augas abisais (Xacio Baño), 30 70’ 60 120’ (Marta Valverde), Noitevella 1999 (Uxía Gayoso) e O niño dos paxaros (Lucía Estévez). Ao finalizar haberá noite de regueifas con filloas, chocolate e queimada.
Xa no día grande deste festiva, o sábado 2 de novembro, terá lugar a proxección das curtas finalistas da categoría escolar e da xeral a partir das 18h. Pola noite haberá concertos e entrega de premios na Praza Jorge Mira. A partir das 21:30h actuarán Caamaño&Ameixeiras, Pantis, Copa Turbo e Afundín Jamallos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.