Feijóo: “As políticas sociais da Xunta dánlle mil voltas ás dos gobernos das mareas”

O presidente traslada á Cámara galega a tensión que se vive no Congreso dos Deputados. AGE dílle que serán os cidadáns os que o “boten” da Xunta.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 27/01/2016 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

AGE no Parlamento é, agora, o cuarto grupo da Cámara galega, pero semella que é o primeiro da oposición, a pesar dos seus seis escanos. E é que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, aproveitou unha pregunta deste grupo para atacar a “AGE, Podemos, as mareas e demais contertulios”, asegurando que a Xunta “dálle mil voltas” a estes movementos populares.

Feijóo na Cámara galega
Feijóo na Cámara galega | Fonte: parlamentodegalicia.es

A asunción do deputado Antón Sánchez da viceportavocía de AGE e, polo tanto, da responsabilidade de realizarlle as preguntas a Feijóo na sesión de control ao goberno, serviu para repetir na Cámara galega os enfrontamentos que se ven no Congreso dos Deputados.

E foi, curiosamente, o presidente galego, en comezar a batalla ao criticar a AGE por dicir que, xunto con Podemos ou as mareas, representan “á xente do común, do pobo”. “No Congreso é diferente ter seis deputados galegos, que dez –dixo en alusión aos resultados en Galicia por En Marea e do PP—e ter 123 e 69 –apunto referíndose ao PP e ao grupo plurinacional de Podemos—“.

O presidente galego criticou duramente ás mareas aproveitando unha pregunta de AGE sobre os mortos por Hepatite C, tras non ser atentidos polo Sergas, e que agora está investigando a Fiscalía. “As políticas sociais deste goberno dánlle 1.000 voltas as que vostedes teñen nos concellos. Non fixeron nada”, espetoulle ao lembrar que, grazas á Xunta, vacinaronse máis de 3.000 galegos da Hepatite C.

E insistiu; “agora non están nas pancartas. Xa son goberno na Coruña, Santiago e Ferrol e as súas políticas sociais son quitarlle as subvención saos albergues sociais ou non saber xestionar comedores sociais como acontece en Santiago”, espetou.

“Xa vexo que vai asumindo psicolóxicamente a súa labor na oposición”, ironizou Sánchez que lle lembrou que non será AGE ou as mareas os que o boten do goberno da Xunta, senón os cidadáns e os colectivos que despreza día a día… os mariñeiros, os preferentistas, os afectados pola hepatite C ou os das plataformas antidesafiuzamentos”.

Sánchez acusou á Xunta, por mor dos seus recortes sanitarios, de ser a responsable das mortes por Hepatite C. “Quixeron ser campións da austeridade sen ter en conta que estaban xogando con vidas”, lamentou.

Lei de Acuicultura

Por outra banda, Feijóo anunciou que non se aprobará a Lei de Acuicultura ata que non sexa respaldada polo sector. Por iso, anunciou que se comezarán roldas de contactos cos colectivos afectados. “Paramos a lei para falar con eles e para protelxelos das multinacionais”, dixo.

Previamente, o voceiro parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, criticara que non falara co sector e que presentara unha normativa para favorecer “aos seus amigos e aos lobbies”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 oesti

A que se referirá? O que gastou nos pasquíns das cidades? os cartos concedidos a medios "amables"? a compra do arquivo do Correo? Se fora así, meu querido, non tiñas os mariñeiros do cerco nin os tractores na rúa... nin os hospitais colapsados... Hai que ir pensando o que se di...