Os partidos galegos non descartan novas eleccións

O PSdeG amósase moi crítico con Podemos e acusa a Pablo Iglesias de “infantilismo” e a Alexandra Fernández de preocuparse máis da autodeterminación e de Cataluña, que de Galicia. “Os cidadáns votaron para ofrecer solucións ás políticas que se facían antes.No que dependa de nós falaremos diso con quen queira esa alternativa”, contesta AGE.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 02/02/2016 | Actualizada ás 19:11

Comparte esta noticia

PPdeG, PSdeG, AGE e BNG cren que a actual situación de bloqueo político no Estado pode provocar a convocatoria de novas eleccións ante a imposibilidade de chegar a acordos de goberno. Así o manifestaron os diferentes portavoces parlamentarios na rolda de prensa posterior á Xunta de Portavoces.

José Luis Méndez Romeu, portavoz parlamentario do PSdeG
José Luis Méndez Romeu, portavoz parlamentario do PSdeG | Fonte: cadenaser.com

Neste sentido, o representante do PPdeG, Pedro Puy, sinalou que a situación está "bastante bloqueada" unha vez que o PSOE evitou un acordo "razoable" con PP e Ciudadanos. Por iso, criticou duramente ao PSOE porque, di, prefire pactar con "quen ten posicións infantís e principios de plastilina", en alusión a Podemos.

Curiosamente, utilizou nestas críticas a ironía xa que esas mesmas palabras foran as utilizadas polo voceiro socialista, José Luis Méndez Romeu, para referirse a esa formación.  "Non pode dicir todos os días tantas ideas irrelevantes, superficiais e cuns principios que teñen a consistencia da plastilina", dixo de Pablo Iglesias de quen dixo que ten un "infantilismo incrible".

Curiosamente, Méndez Romeu foi o máis crítico cunha formación que pode ser a chave de goberno de Pedro Sánchez e tamén atacou á representante de En Marea, Alexandra Fernández, que na súa audiencia co monarca español alertou sobre o que supón, tamén para Galicia, que non haxa un pacto entre PSOE e Podemos no Estado. "Como se pode consentir? Quen é esta persoa?... Claudicou na súa reclamación de ter un grupo propio e non lle dixo ningunha palabra de Galicia ao Rei e falou de autodeterminación e de dereito a decidir de Cataluña".

Pola súa banda, o viceportavoz de AGE Antón Sánchez, evitou entrar ao ataque contra o PSdeG destacou que os cidadáns votaron para “ofrecer solucións” ás políticas que se facían antes. “No que dependa de nós falaremos diso con quen queira esa alternativa",destacou.

Pedro Puy nun debate no Parlamento
Pedro Puy nun debate no Parlamento | Fonte: ppdegalicia.com

Francisco Jorquera, portavoz do BNG, dixo que hai "un exceso de escenificación, de sobreactuación e de falta de política" entre os catro líderes das principais forzas estatais con "un exceso de política partidista en defecto do interese xeral; caneo curto e marcaxe mutua", dixo. “Isto ponllo moi fácil ao PP se se repiten as eleccións”, apuntou.

"Ou eles ou o caos, igual que Núñez Feijóo en Galicia utiliza este gran argumento para as autonómicas. Pero o problema é que o PP fai trampas, xa que quen provocou a situación de ingobernabilidad foi o PP coas súas políticas tan prepotentes e agresivas", asegurou.

Francisco Jorquera (BNG)
Francisco Jorquera (BNG)
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Ana

Eu penso que teremos goberno PPSOEC´s (so hai que ver o reparto na mesa do Congreso ou donde ubicaron a Podemos) e neste momento so estamos asistindo a un paripé para ver como se "vende" aos votantes socialistas este pacto. Que os votantes socialistas se pregunten cantos recortes pedira a dereita mais neoliberal ao PSOE a cambio de que o lider do PSOE sexa presidente. Gañan os grandes poderes economicos e perden os de sempre.

1 sesese

Romeu, presentese vostede a Xunta. A ver si nos safamos dos salvapatrias chavistas