Lucas Vázquez, embaixador de Curtis

O concello coruñés destaca a traxectoria do xogador do Real Madrid, que principiou a súa carreira nas Escolas Deportivas Municipais e logo no Ural, e a súa labor na promoción do municipio.

Por gcdeportes | A Coruña | 06/02/2016 | Actualizada ás 09:12

Comparte esta noticia

“Nomear a don Lucas Vázquez Iglesias embaixador do concello de Curtis e concederlle todos os honores que conleva o dito nomeamento”. Por unanimidade, o pleno do concello de Curtis aprobou este venres, a proposta do equipo de Goberno, nomear o futbolista do Real Madrid Lucas Vázquez como ‘embaixador’ do municipio. Na proposta, que presentou a concelleira de Deportes, Eva Lata, destacouse “o traballo, esforzo e constancia” deste “veciño do municipio” e a súa gran traxectoria como deportista de elite malia a súa mocidade.

O galego Lucas Vázquez, nun adestramento co Real Madrid.
O galego Lucas Vázquez, nun adestramento co Real Madrid. | Fonte: @Lucasvazquez91

Lucas Vázquez (Curtis, 1 de xullo de 1994) comezou a súa traxectoria nas Escolas Deportivas municipais e no CCD Curtis, destacando axiña e fichando polo Ural coruñés, de onde deu o salto ao xuvenil do Real Madrid alá polo 2007. O Concello de Curtis destaca “a súa calidade humana e a súa capacidade de loita” para acadar un dos seus soños de neno e recoñece “o seu labor de promoción do municipio”.

“Non é normal que un concello pequeno como Curtis teña un xogador na elite do fútbol mundial. É un mozo que naceu aquí, e estamos todos moi orgullosos, é un exemplo a seguir”, dixo o alcalde Javier Caínzos. Segundo contou o rexedor, o futbolista díxolle que era “un orgullo e unha satisfacción” o recoñecemento, pero que “non era merecedor de tan alto premio”, o que segundo o alcalde “dá mostras da súa calidade humana”. O acto ofical de entrega desta distinción terá lugar en función da axenda do xogador.

Lucas Vázquez chegou ao Real Madrid no 2007 e foi medrando como xogador ata o seu debut co primeiro equipo nun amigable contra o Oviedo en xullo do 2012. Na tempada 2014-15, o coruñés estivo cedido no Espanyol, pero regresou ao Real Madrid o pasado verán, participando este curso en 12 partidos de Liga.

O Deportivo persegue dende hai tempo a súa incorporación, e o presidente Tino Fernández xa falou dúas veces co Real Madrid para tentalo. “Non vou negar que é un xogador que me gustaría ter aquí polo que achega non só no eido deportivo, senón tamén no eido emocional”, asegurou o presidente deportivista esta mesma semana.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta