Este Compos si funciona

O equipo compostelán gaña 3-0 o derbi a un frouxo Pontevedra. Marcou dous goles Catú, Manu Rodríguez o terceiro e Bicho errou un penalti. Os de Fredi Álvarez levan tres xornadas sen encaixar gol e suman sete dos últimos nove puntos.

Por gcdeportes | Compostela | 07/02/2016 | Actualizada ás 09:23

Comparte esta noticia

Ficha técnica
SD Compostela 3:
Pato Guillén; Josu, Catú, Sergio Sánchez, Portela, Jimmy; Javi Moreno, Manu Rodríguez, Jordan (Joao Camacho, 73'), Asier Goti (Bicho, 67') e Guillem Martí (Chiño, 82').
Pontevedra CF 0: Edu Sousa; Adrián, Campillo (Jandrín, 59'), Capi, Verdú; Kevin Presa, Hugo Rodríguez (Pablo Carnero, 55'), Álvaro Queijeiro (Álex Fernández, 46'), Antonio Bello, Jacobo e Borjas Martín.
Goles: 1-0: Catú (minuto 24). 2-0: Catú (minuto 51). 3-0: Manu Rodríguez (62')
Árbitro: Carbajales Gómez (asturiano). Expulsou a Kevin Presa por dobre cartón no minuto 92. Amarelas a Goti (minuto 28), Catú (65') e Josu (86’) no Compos e a Álvaro Queijeiro (32'), Álex Fernández (63'), Capi (70') e Antonio Bello (79') no Pontevedra.
Incidencias: partido da 24ª xornada do Grupo I da Segunda B no estadio municipal de San Lázaro ante 1.096 espectadores.

O mellor Compos deste curso, e o peor Pontevedra de Luisito. Só 12 goles levaban os composteláns na Liga, e fixéronlle tres aos granates. E puideron ser máis, se Bicho non erra un penalti no tempo engadido. Dúas vitorias consecutivas para o Compos en San Lázaro, tres partidos seguidos sen perder e coa portaría a cero. O equipo de Fredi amosa xa outra faciana, intenso e concentrado os 90 minutos, e suma sete dos últimos nove puntos. Marcou Catú os dous primeiros goles coa testa, e Manu Rodríguez fixo o 3-0.

Jimmy, capitán do Compos, conduce o balón coa esquerda.
Jimmy, capitán do Compos, conduce o balón coa esquerda. | Fonte: Amadeo Rey

O Compos sorprendeu o rival coa súa posta en escena, con tres centrais e dous laterais, Josu e Jimmy, de longo percorrido. Ademáís, os locais adaptáronse mellor ao estado do campo, difícil para o xogo a medida que ía acumulando auga sobre o céspede. Máis necesitado dos puntos, a Esedé superou en todas as liñas o rival, e os seus xogadores anticipábanse sempre aos granates. Jordan, moi activo, tivo as dúas primeiras ocasións locais, pero non definiu ben no man a man con Edu e foiselle alto un disparo.

Os locais dominaban e o gol chegou no ecuador do primeiro tempo: Catú marcou coa testa tralo lanzamento dende o curruncho de Jordan. O Pontevedra quedou tocado co gol, e o Compos puido facer o segundo. No 26, tras outro córner, Guillem Martí, que debutaba en San Lázaro, estivo a piques de marcar á reviravolta e o mesmo dianteiro, no 28, errou só diante do meta tras un erro da defensa granate. Ata os últimos cinco minutos, o Pontevedra non creou perigo na área compostelá: Jacobo case sorprendeu dende lonxe a Pato Guillén, quen evitou o gol tapando os espazos nun man a man con Capi.

Se o Pontevedra tiña intencións de remontar, axiña desapareceron. Ao pouco de comezar a segunda metade, chegou o 2-0. Jacobo cometeu unha falta absurda no lateral do campo e Jimmy puxo un centro case perfecto, Edu Sousa errou no despexe e Catú aproveitou o rexeite do traveseiro para facer o segundo. Parecido ao primeiro, noutra acción a balón parado.

O gol deu máis folgos ao Compos, que seguiu buscando o gol ante un irrecoñecible Pontevedra. E axiña chegou o terceiro: boa xogada de Jordan no bordo da área, que asiste a Manu Rodríguez, que marca cun forte disparo. Partido sentenciado con 30 minutos por diante. Entrou Bicho, e Fredi Álvarez aproveitou para facer debutar a João Camacho, a última incorporación no mercado invernal. Co Pontevedra buscando o gol da honra, o canteirán do Dépor pecou de individualismo en varias contras do Compos, e foi a rapidez do portugués que provocou un penalti no tempo engadido: Bicho lanzou pero Edu Sousa, un experto en deter penaltis, evitou o cuarto.

Os de Fredi Álvarez afrontarán o vindeiro sábado o segundo derbi consecutivo, desta volta ante o Somozas (17:00 horas) no complexo Alcalde Manuel Candocia. Tamén terá derbi o Pontevedra, en Pasarón contra o Racing de Ferrol.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta