Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 09/12/2024 | Actualizada ás 14:24
Turismo de Galicia e a Deputación Provincial de Ourense veñen de ampliar a súa colaboración para dinamizar e promover o turismo de esquí fóra de tempada nos meses de xaneiro a marzo entre o público infantil na única estación da Comunidade galega, a de Manzaneda. A través dun acordo asinado este luns entre o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e a vicepresidenta primeira da Deputación Provincial de Ourense, Marta Nóvoa, o programa EsquiOU, dirixido a que público infantil aprenda a esquiar na estación de montaña de Manzaneda, incrementará as prazas na próxima edición, ata chegar ás 1.050, para dar resposta á altísima demanda das familias que apostan desde 2015 por este programa.
Ademais, EsquiOU incorpora este ano prazas reservadas para menores con discapacidade co fin de fomentar a inclusión e favorecer que os nenos poidan acceder ao deporte e ao lecer sen barreiras de ningún tipo. As 1.050 prazas do EsquiOU están destinadas a nenos nados entre o 1 de xaneiro de 2013 e o 31 de decembro de 2016 na provincia de Ourense. O total de prazas estará dividido en 10 quendas de 105 prazas cada un. Destas, cinco estarán reservadas para menores con algún tipo de discapacidade. Os nenos, ademais de estar permanentemente supervisados por monitores formados e cualificados no tratamento de nenos con algunha dificultade física ou intelectual, tamén poderán ir acompañados dun pai, nai, titor ou membro do centro educativo ao que pertenzan.
Os nenos que participen neste programa gozarán dunha estancia de tres días e dúas noites, sempre de luns a mércores, que inclúe aloxamento, pensión alimenticia completa, curso de esquí e as demais actividades complementarias, como poden ser tiro con arco, sendeirismo ou natación. Ademais, se as condicións meteorolóxicas non fosen favorables, substituirase o programa de esquí pola oferta de actividades de montaña, como multiaventura ou rocódromo. O prazo de inscrición deste programa estará aberto desde este luns e ata o 27 de decembro ás 14.00 horas. O prezo da estancia por participante será de 30 euros, xa que a Deputación subvenciona o resto do custo de programa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.