Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 14/12/2024 | Actualizada ás 14:00
O Camiño de Santiago é percorrido cada ano por milleiros e milleiros de peregrinos que, xa sexa por relixión ou por deporte, contribúen a incrementar a importancia dos múltiples itinerarios que levan a Compostela. Sen embargo, entre todos eses peregrinos tamén se atopan de cando en vez persoas que, aínda sen ser o seu obxectivo principal o chegar ata a Catedral, tamén se unen ás longas camiñatas de ducias de quilómetros diarios e á búsqueda dun mesmo na instrospección que lles proporcionaba pasar semanas e mesmo meses fóra da casa. Un destes casos particulares é o de Luis Martínez Aubach (@misueñomilocura), que durante o seu propósito de completar unha volta a España andando (5.000 quilómetros) se percatou de que as diferentes rutas que levan ata Santiago de Compostela servíanlle para realizar gran parte do seu percorrido con maior comodidade, por camiños perfectamente sinalizados e que gozaban de servizos básicos como albergues, ultramarinos e lugares de descanso para repoñer forzas cada día. Dende o GC falamos con el para que nos conte como foi a súa experiencia e de onde xurdiu esa idea de dar a volta a España.
Como conta Luis, a vida é unha montaña rusa de emocións e, nela, "pásanche moitas cousas, algunhas boas, pero tamén malas: desenganos amorosos, perda de amizades, morte de seres queridos...". E todas esas "son cousas que se van acumulando dentro de ti" e que, nalgún momento, "debes sacar para que non rematen contigo". "Eu sempre digo que o cerebro é coma un embude, ti vas metendo cousas nel, malas e boas, e chega un punto no que ese cerebro xa non sabe como xestionar tantas cousas", explica, e engade que, "se ti ao final non sabes como sacar todo o que che fai mal del a tempo, créase un tapón, e de aí veñen logo as depresións e as enfermidades". No seu caso, asegura sentirse moi afortunado de "poder ter decidido sacar a tempo ese tapón e ver algo máis aló dos problemas que me permitiu seguir coa miña vida sen chegar a caer, por exemplo, nunha depresión ou noutras enfermidades". Para Luis, o Camiño de Santiago "foi un 'reset', un volver a comezar, e xa non a nivel mental, porque me serviu para coñecerme mellor a min mesmo e abrirme a coñecer nova xente e novos lugares, sendo o propio dono do meu tempo; senón tamén a nivel físico, porque perdín 23 quilos". Tamén asegura que durante o camiño "houbo momentos nos que me rín só e outros nos que chorei só, porque vas moitas horas só contigo mesmo, e recordando cousas".
Foi así como decidiu collerse unhas vacacións no seu traballo, onde ostentaba un posto fixo, para emprender a marcha. "Eu xa saía a andar a miúdo", explica Luis, que conta que "vivía só e chegou un intre no que me percatei de que non tiña ganas de volver á casa". Foi aí cando se detivo a reflexionar un instante e chegou á conclusión de que "se tivese unha mochila, botaría a andar sen mirar atrás e sen parar". Así naceu, a grandes rasgos, a idea de dar a volta a España. Pero este xerundense era consciente de que esa tarefa non era doada, polo que confesa que "estiven un ano preparándome: mirando se algunha persoa xa a fixera con anterioridade, buscando as cousas que podería precisar, vendo o que podía visitar en cada lugar, averiguando cales eran as mellores rutas a tomar, barallando opcións de onde podía durmir...". Unha vez con todo feito, chegaba unha decisión crucial: por onde comezar? E, finalmente, decantouse por ir de norte a sur, é dicir, "de Gerona crucei Cataluña atravesando Lérida e cheguei a Huesca, de aí funme a Pamplona, fixen toda Navarra e cheguei ao País Vasco, onde subín camiño de Paztan ata Berroeta e de aí a Irún, onde xa tomei o Camiño do Norte rumbo Santiago".
"POR MOITO QUE TE PREPARES, CANDO SAES POLA PORTA XA TE DAS CONTA DE QUE O FIXECHES TODO MAL; O PRIMEIRO DÍA XA TIVEN QUE QUITAR 8 QUILOS"
Luis confesa que el nunca se imaxinou empregar o Camiño de Santiago como parte do seu itinerario, pois "aínda que en Cataluña xa hai rutas pertencentes ao Camiño, non están tan preparadas, carecen de albergues practicamente ata que cruzas a Navarra, e tampouco sabía que podía pedir a credencial do peregrino", de maneira que para el foi todo un descubrimento o darse conta de que "tanto o itinerario do Camiño do Norte como as súas infraestruturas me ían moi ben para lograr o meu obxectivo". Así que, despois de tanto preparar, non tardou en caer na conta, "xa no primeiro día", de que "por moito que prepares, cando saes pola porta daste conta de que xa o fixeches todo mal". Pero mal en que sentido? Pois, basicamente, asegura que "levaba moito peso na mochila, onde tamén metín a tenda de campaña, e o primeiro día xa tiven que desfacerme duns 8 quilos de peso". Como conta, "ao final daste conta de que levas moitas cousas que non é que sexan estrictamente necesarias, senón que son máis ben 'por se acaso', e chegas á conclusión de que eses 'por se acaso' xa chos vai ir marcando o Camiño, non os tes que tratar de predicir ti". E pon o exemplo de que comezou o Camiño ataviado cunha chaqueta de inverno e acabou deixándoa nun albergue de Caldas de Reis cando comezaba a primavera.
Unha vez se adentrou no Camiño do Norte, Luis descargou no seu móbil a aplicación de Gronze Maps, onde aparecen indicados todos os albergues, casas de comida e descansos que inclúen as diferentes rutas, así como unha guía precisa de por onde discorre cada unha. Con todo, asegura que "nin así foi doado", porque "como comecei a miña andadura o 1 de febreiro e non cheguei a Santiago ata o 1 de abril, neses dous meses atopeime con moitas rutas que non podía atravesar porque estaban pechadas por tema meteorolóxico", xa que confesa que "pillei un pouco de todo: neve, choiva, sarabia...". Pero, en contra do que moita xente poida pensar, a climatoloxía para el non foi un impedimento nin algo que o botase atrás, pois "a min dábame igual que chovese coma que non, para min saír cada día a camiñar e descubrir cousas novas, xa fose un camiño, unha vaca, unha ovella, flores ou calquera outra cousa, xa era espectacular". Por iso, aínda que confesa que "si que vía que había peregrinos que cando chovía moito paraban refuxiarse, a min dábame igual mollarme, xa chegaría ao seguinte albergue para cambiarme de roupa e desfrutar dunha nova vila".
E é que para Luis "Galicia foi todo un descubrimento". O que máis lle chamaba a atención era ver os troncos das árbores cheas de musgo grazas ao tempo chuvioso que abunda en Galicia: "O verdor dos montes deixoume abraiado". Quedou encantado tanto coas súas paisaxes como coas súas xentes. "Todo me pareceu espectacular", asegura, e lembra que "eu entrei a Galicia cruzando dende Asturias a Ribadeo, de aí fun cara a Praia das Catedrais e de aí baixei por Lourenzá e Vilalba ata Sobrado dos Monxes para logo chegar a Boimorto e xa despois ao monte Pedrouzo, última parada antes da Catedral de Santiago". Ao longo de todo o traxecto puido comprobar "hai moitísimos pobos que se non é porque o Camiño de Santiago pasa por eles moita xente non sabería nin que existen, porque non reciben visitantes que non sexan os propios peregrinos". É dicir, puido comprobar en primeira persoa a crise poboacional que sofre Galicia e a despoboación, con moitas aldeas do rural que quedan abandonadas ou con dous ou tres veciños.
"TIÑA UN PROPÓSITO: CONSEGUIR ANDAR 100 QUILÓMETROS NUN DÍA, PERO COMO NON HABÍA LUGARES QUE ME RECIBISEN A ALTAS HORAS, O MÁXIMO FORON 70"
O máis duro para calquera peregrino sempre son as longas etapas nas que os pés doen, e doen moito. No caso de Luis, conta que non mantivo unha cadencia de quilómetros cada día, senón que dependendo do momento e do lugar, camiñaba máis ou menos. "Fixen días de andar 15 quilómetros e outros nos que cheguei ata os 70", explica. De feito, asegura que "tiña un propósito: cando pasei Galicia e entrei xa en Castela e León e na zona de Extremadura, marqueime a meta de intentar andar 100 quilómetros nun día, pero para poder facelos tiña que ter unha serie de condicións, como saír dende ben cedo na mañá e atopar despois ben entrada a noite algún albergue ou lugar que me recibise e me permitise ducharme e descansar para o día seguinte". Esas condicións non llas podían ofrecer en ningún lugar, especialmente o de recibilo a altas horas da noite, polo que "o máximo que puiden camiñar nun día foron eses 70 quilómetros", e "non porque non dese camiñado máis, senón porque non atopei condicións adecuadas para facelo".
De feito, para este home o de camiñar non supón un problema. Tanto é así que lembra que "os primeiros 10 días si que me saiu algunha ampolla, pero eu mesmo as fun curando e despois de aí xa non tiven máis", de maneira que "todo o botiquín que levaba comigo funo dando a peregrinos que me ía atopando polo camiño e que ían necesitando algunha axuda". E a día de hoxe aínda non se explica como puido camiñar tanto sen maiores inconvintes, porque aínda que el xa saía a camiñar e dar paseos con anterioridade, "non é o mesmo o que eu podía andar cada día, que o ter que andar durante 25 quilómetros con 10 quilos ou máis de peso enriba", porque "realmente moitas veces é o peso que levan enriba o que lle causa os problemas aos peregrinos", máis que o que camiñan en si. No seu caso, "cando din regularizado o peso que levaba enriba, deixei a mochila en 16 quilos", e así a levou ata que rematou a volta a España. O consello que lle daría aos futuros peregrinos ou a xente que teña pensado realizar rutas longas por diferentes destinos sería que levasen a menor equipaxe posible, porque ao final o non ir moi cargado facilita moito as cousas e é importante para non perder esas ganas de seguir adiante.
"AGORA QUERO IR ATA ROMA E ENTREGARLLE AO PAPA A MAN DE MOCHO QUE ME DERON NO CAMIÑO, RECADANDO FONDOS PARA A ASOCIACIÓN ASPANION"
Luis quedou tan satisfeito despois de rematar a volta a España que agora xa está pensando e planeando a súa próxima aventura. De que se vai tratar? Como conta, "en Asturias recibín a cuncha do peregrino e chegando a Alacante unha man de Mocho, nome dun artesán que fixo unhas manciñas de xoguete que nin se venden nin se mercan, só se poden agasallar, como un símbolo de amizade, e cuxos fondos serven como colaboración cunha asociación de nenos con cancro", polo que "eu agora quero ir ata Roma e entregarlle ao Papa a miña man de Mocho, recadando fondos polo camiño que logo entregarei á miña volta na asociación Aspanion, para axudar a eses nenos con cancro". Despois, de aí, ten pensado volver a Galicia para volver percorrer a ruta de Muxía a Fisterra e de Fisterra a Santiago, porque "pareceume unha ruta espectacular e con moito encanto". Finalizado ese traxecto, a idea que ten é cruzar España en diagonal ata Alacante e de alí a Valencia, a deixar os fondos recadados na asociación Aspanion antes de retornar á casa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.