O BNG acusa á Xunta de "confundir" co pacto sobre o galego e pide chegar a acordos

A formación nacionalista envía unha carta ao conselleiro de Lingua para trasladar "a súa preocupación" ante o "silencio" do Executivo autonómico

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/12/2024 | Actualizada ás 12:41

Comparte esta noticia

A portavoz de Lingua do BNG, Mercedes Queixas, remitiu unha carta ao conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, na que trasladou "a súa preocupación" pola "falta de resposta" da Xunta á proposta que o BNG lle trasladou nas primeiras reunións, convocadas no marco do pacto polo idioma, para cambiar a situación de "emerxencia lingüística" do galego e iniciar a "necesaria recuperación" do idioma.

"A situación do idioma é límite, de extrema gravidade, pero no canto de propor actuar de inmediato e con decisión, a Consellería pospón calquera actuación ata dentro de quince meses", asegurou Queixas na carta ao conselleiro.

Na misiva tamén incidiu en que "o silencio" do Executivo galego demostra que o PPdeG "non ten intención ningunha" de chegar a un acordo a favor da lingua. "Ao contrario, infelizmente os feitos demostran que estamos ante unha cerimonia da confusión para tentar diluír a responsabilidade dun goberno que leva 15 anos impondo políticas de acoso ao galego, políticas lingüicidas que, lamentablemente, dan resultado na súa pretensión de converter o galego nunha lingua de segunda e cun uso residencial", sinalou.

A deputada do BNG remarcou que "só así se explica" o "empeño" do Executivo galego por "manter todo aquilo" que puxo ao galego en "situación crítica". A continuación, subliñou o "ánimo construtivo" co que o BNG acudiu ás reunións ás que foi convocado. "Coa vontade de chegar a acordos que cambien a situación crítica do galego e con propostas de mínimos que non tiveron ningunha acollida por parte do Goberno", lamentou.

A deputada do BNG no Parlamento galego, Mercedes Queixas. BNG
A deputada do BNG no Parlamento galego, Mercedes Queixas. BNG | Fonte: Europa Press

INTERVENCIÓN ALCOA

Pola súa banda, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, lamentou a falta de compromiso do Goberno do Estado a respecto da posible intervención pública da fábrica de Alcoa na Mariña. Por iso, o BNG reclama á secretaria de Estado de Industria, Rebeca Torró, que Goberno e Xunta de Galicia "teñan a total disposición para a intervención pública", tal e como ocorreu con Telefónica ou Celsa, para "garantir a continuidade dos postos de traballo e a actividade nun sector estratéxico para a comarca da Mariña e para o resto do Estado".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta