O campus de Vigo convértese nun laboratorio hacker para a innovación social

Máis de 60 programadores participan na universidade viguesa no HackForGood, un evento que busca desenvolver solucións tecnolóxicas para construír un mundo mellor.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 26/02/2016 | Actualizada ás 09:25

Comparte esta noticia

Din os hackers auténticos que o seu obxectivo é buscar solucións a problemas de xeito creativo e traballar polo ben común. Con esta filosofía, 62 programadores participan dende este xoves, no Edifico Miralles da Universidade de Vigo, na 4ª edición do HackForGood, o encontro de programadores organizado por Teléfonica e impulsado pola Escuela Técnica Superior de Telecomunicación da Universidad Politécnica de Madrid; a Fundación Hazloposible e a startup MashmeTV, e que conta co apoio da Rede de Cátedras Telefónica, entre as que se atopa a da Universidade de Vigo. 

Participantes no HackForGood en Vigo na edición de 2016
Participantes no HackForGood en Vigo na edición de 2016 | Fonte: DUVI.

Por segundo ano consecutivo, a Universidade de Vigo é unha das 14 sedes nas que de xeito simultáneo se desenvolve este evento inspirado na cultura hacker. Os 62 programadores inscritos —o dobre que en 2015— están repartidos en 13 grupos de entre 4 a 5 persoas dedicados a temáticas como realidade virtual, aplicacións sanitarias, terceira idade, mobilidade para persoas con discapacidade ou robótica, sistemas de emerxencia

O alumnado das escolas de enxeñaría de Telecomunicación e Industriais da Universidade de Vigo suman o 80% dosparticipantes nesta edición local do HackForGood, ao que tamén concorren estudantes doutras titulacións que se imparten na institución académica viguesa.

Ao igual que en Vigo, en Madrid, Barcelona, Valencia, Alicante, Murcia, Ciudad Real, Sevilla, Málaga, Las Palmas de Gran Canaria, Cáceres, Salamanca, Valladolid e León, centos de estudantes desenvolven durante os tres días que dura o encontro novas ideas, servizos ou aplicacións que axuden a resolver problemas sociais, satisfacendo as necesidades existentes, creando novas comunidades ou desenvolvendo colaboracións entre institucións públicas, privadas e terceiro sector. “Todo o que contribúa a crear un mundo mellor”, sinalan desde a organización, que establece que os proxectos se desenvolven a partir de retos formulados a partir de liñas temáticas como Big Data, Smart Cities, Smart Worlds, Smart Society, M2M, Internet das cousas, impacto nas persoas e na cidadanía e en definitiva calquera tema relacionado coa innovación social.

De xeito individual ou por equipos os e as participantes desenvolverán as súas aplicacións, nas que se valorarán factores como impacto, importancia do problema solucionado, creatividade, innovación, facilidade e baixo custe de despregue ou uso de software libre, informa Mª del Carmen Echevarría no xornal da UVigo.

O HackForGood 2016 deu comezo este xoves na Universidade de Vigo coas intervencións do reitor, Salustiano Mato e do director de Telefónica Galicia, Manuel Ángel Alonso, ás que seguiu unha conferencia a cargo da directora de Open Future Telefónica en Galicia, Carmen López, titulada "H4G e Proxecto Open Future". Nas sesións do venres e sábado os participantes teñen que desenvolver os seus proxectos, que serán presentados o sábado, xornada que rematará coa entrega de premios locais. 

Premios

No caso da sede viguesa establecéronse tres galardóns, dotados cada un deles con 500 euros: o Premio á innovación social, outorgado polo Consello Social; o Premio á innovación enerxética que concede a Cátedra Telefónica para a innovación enerxética, e o Premio ao desenvolvemento sostible da Oficina de Medio Ambiente. Pola súa banda, as mellores aplicacións nacionais repartiranse 12.000 euros, mentres que os premios temáticos outorgarán 8.000 euros para as mellores aplicacións que resolvan retos relacionados coa educación e a discapacidade intelectual, así como para aqueles que se baseen no uso de xogos serios ou que teñan o mellor deseño.

Os premios de continuidade, que permitirán aos equipos seguir co desenvolvemento das aplicacións cando remate o evento, ofrecerán formación personalizada, mentorización específica e financiamento adicional. Para iso haberá un premio Think Big local en cada sede HackForGood, que consistirá nunha fin de semana formativa en emprendemento social e a posibilidade de pasar ao nivel 2 do programa Think Big de Fundación Telefónica. Entre todos os gañadores locais elixirase o gañador nacional, que será premiado cun pase directo a este nivel 2 de Think Big.

Por outra banda, os premios Telefónica Open Future–HackForGood repartirán tres galardóns globais que permiten o uso da rede de espazos de crowdworking de Open Future e unha mentorización personalizada que facilite que a idea orixinal e o prototipo evolucionen cara unha startup. A organización tamén outorgará os premios multisede aos equipos con membros de varias cidades (3.000 euros á mellor aplicación multisede) e os premios formativos, que ofrecen bolsas completas para mestrados en dirección de empresas e en sistemas de información. 

Todos os equipos gañadores formarán parte do ecosistema de emprendemento de Telefónica Open Future e así poderán dar continuidade ao seu proxecto e beneficiarse dos programas da compañía de formación e mentorización, e conseguir financiamento adicional. 

Na pasada primavera, resultaron gañadores cinco proxectos, sendo o primeiro premio para Pulsafe, unha aplición pensada para o seguimento activo da saúde das persoas. O segundo premio foi para Sanet, aplicación centrada en mellorar a relación médico-paciente e centralizar a información sanitaria. Anciáns SOS foi escollida como terceiro premio, unha aplicación destinada a persoas maiores que viven soas, e que permite realizar un seguimento do seu estado. O premio Think Big Vigo outorgouse ao proxecto GreenScouter, unha plataforma para localizar rutas limpas, utilizando datos de tráfico e de contaminación do aire e o premio Open Future Vigo foi para o proxecto Espectrofotómetro, dirixido a detectar contaminantes na auga.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta