Por Galicia Confidencial | Lugo | 04/03/2016 | Actualizada ás 15:00
Derrota, salvo sorpresa maiúscula, do aparato do PPdeG nas eleccións provinciais en Lugo. Raquel Arias, actual delegada provincial, non será a nova presidenta dos conservadores lucenses.
A súa rival, Elena Candia, apurou até última hora para presentar os seus avais. Aportou máis de 580 sinaturas, cando ao congreso provincial están convocados 750 compromisarios. A alcaldesa de Mondoñedo case cuadriplica así a súa rival, que aportara 155 firmas.
As dúas políticas firxeron hoxe valoracións. “Estamos moi contentos do apoio que imos tendo de todas as agrupacións locais” presumiu Candia. A candidata xa deixou entrever que tenderá pontes coa súa rival: “agora a traballar unidos a partir do domingo, independentemente de quen gañe”. Arias pola súa parte animou a votar sinalando que “é necesario que o aire fresco que entre todos logramos meter nas sedes permaneza”.
A delegada fala de aire fresco porque Candia é a candidata promovida dende a actual dirección, que dirixe Xosé Manuel Barreiro. Quen fora brevemente presidenta da Deputación tamén conta co apoio doutros históricos do PP de Lugo, como José Manuel Balseiro -deputado da Mariña- ou José Luís Iravedra Lestal. En fronte ten unha Arias que era a candidata de Alberto Nuñez Feijóo, pero que non logrou aproveitar o poder destes anos na delegación provincial para captar os votos necesarios entre líderes locais e alcaldes.
Así as cousas o equilibrio de poderes no PP de Galicia pode oscilar. O actual núcleo dirixente vertebrado ao redor de Nuñez Feijóo ten atadas as provincias de Pontevedra e A Coruña, onde Alfonso Rueda e Diego Calvo serán presidentes; pero non Ourense, onde Manuel Baltar repetira, nin Lugo.
De cara ao congreso autonómico -que debería elixir un hipotético sucesor de Feijóo se el marcha a Madrid- cómpre lembrar que, tras a marcha de Fraga, Xosé Manuel Barreiro competiu inicialmente co actual presidente. Feijóo asegurou a súa victoria final cando logrou pactar cos representantes lucenses. Unha negociación que podería o seu sucesor podería ter que repetir agora para manter o partido sen fisuras de cara as autonómicas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.