Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/01/2025 | Actualizada ás 14:34
PP e BNG encerelláronse estes días nun cruzamento de acusacións e petición de explicacións despois de que saíse á luz que un dos integrantes da lista electoral nacionalista ao municipio ourensán de Coles nas pasadas municipais cumpriu condena por abusos sexuais a unha menor de 4 anos. A información, avanzada polo diario 'La Región', levou ao Partido Popular a emitir un comunicado esta fin de semana esixindo explicacións aos nacionalistas. Este luns volveron a reclamar que a portavoz nacional, Ana Pontón, investigue "o grao de participación actual desta persoa no seu partido".
A líder nacionalista, pola súa banda, como xa fixo o BNG de Ourense esta fin de semana, argumentou que a formación non era coñecedora deste dato e que esta persoa "nunca foi militante" do BNG. A maiores, reclamou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que sexa el o que dea explicacións e diga "como é posible" que esta persoa seguise "traballando con menores en centros da Xunta" tras a condena.
CONDENADO POR ABUSOS
As informacións fan referencia ao que, ata agora, exercía como portavoz da plataforma ourensá ProCAPD, que foi condenado por abusos sexuais a unha nena de catro anos cando traballaba nun centro preescolar en 1994, recolle 'La Región', que apunta que, efectivamente, cumpriu a pena entre os anos 2000 e 2007. A plataforma expresou nun comunicado a súa consternación por este dato, que argumentaron que descoñecían. O home integrou a candidatura do BNG ao concello ourensán de Coles en 2023, tal e como denunciou o PPdeG, que emitiu un comunicado para esixir aos nacionalistas que investiguen a súa participación no partido, tendo en conta que "recentemente se puido ver" a Ana Pontón "compartindo pancarta" con el.
Ademais, denuncian os populares, os medios de comunicación sinalaron que "os vínculos políticos desta persoa esténdense tamén á contorna do PSOE e de Podemos/Sumar na provincia de Ourense", polo que apelaron tamén á responsabilidade de Xosé Ramón Gómez Besteiro "á hora de dar explicacións sobre esta situación, o suficientemente grave como para ser investigada". "A oposición é moito de investigar todo o relativo a outros partidos, pero en cambio cústalles moito cando se trata do seu", din os populares, incidindo na súa demanda de explicacións e "pondo o foco en que esta persoa actualmente está a traballar con persoas con discapacidade e con menores de idade".
PONTÓN RECLAMA EXPLICACIÓNS Á XUNTA
Pola súa banda, preguntada por esta cuestión, a líder nacionalista asegurou que "esta persoa nin é nin foi nunca militante" do BNG, tal e como tamén recolleu a fin de semana a vertente ourensá da formación, que dixo nun comunicado que esta persoa "formou parte puntualmente dunha candidatura local", pero non foi afiliado, simpatizante nin "tivo ningunha vinculación política co BNG". A maiores, a portavoz nacional apostou porque sexa "o PP o que debe de dar explicacións", dado que esta persoa seguiu traballando estes anos como educador en distintos centros das provincias de Pontevedra e Ourense. Para o BNG, isto demostra que os protocolos "están a fallar", denunciaron os nacionalistas ourensáns. "Eu preguntaríalle a Rueda como é posible que esta persoa siga traballando con menores en centros da Xunta", resolveu Ana Pontón.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.