Costa dos Castros abre o segundo crowdfunding arqueolóxico de Galicia

Catro Comunidades de Montes da costa sur de Galicia esperan recadar 10.000 euros para dinamizar as súas veciñanzas nun proxecto que servirá para continuar coas intervencións arqueolóxicas nun castro e en petróglifos da zona.

Por Galicia Confidencial | Oia | 17/03/2016 | Actualizada ás 11:06

Comparte esta noticia

A Asociación Costa dos Castros – unha unión de catro Comunidades de Montes do Concello de Oia – lanza a súa segunda campaña de micromecenado para poñer en valor o patrimonio arqueolóxico e natural da costa sur de Galicia.

Un grupo de xente visita as escavacións do castro da Cabeciña, en Oia
Un grupo de xente visita as escavacións do castro da Cabeciña, en Oia

A campaña realízase a través da plataforma británica DigVentures, especializada en crowdfunding arqueolóxico. Desde que lanzou fai case dúas semanas a campaña a nivel anglosaxón, xa se recadaron 1.246€, un 13% do obxectivo.

En 2015, a campaña de Costa dos Castros, o primeiro micromecenado arqueolóxico de Galicia, conseguiu o cento por cento do obxectivo, máis de 10.000€. Nesta segunda campaña, tras o seu lanzamento tamén para o público galego e español, espera conseguir outros 10.000€ co fin de protexer e promocionar o patrimonio da zona.

Esta iniciativa das Comunidades de Montes de Mougás, Pedornes, Viladesuso e Santa María de Oia tamén recibe o apoio do Concello de Oia, hostaleiros locais e empresas como Gadis. Pero a súa aposta é ambiciosa e os seus fondos, limitados, polo que buscan a colaboración de persoas de todo o mundo interesadas na arqueoloxía e comprometidas co desenvolvemento rural.

Investigando o pasado de Costa dos Castros

A recadación do micromecenado destinarase principalmente a axudar á Asociación Costa dos Castros (ACdC) a financiar unha nova intervención arqueolóxica no castro da Cabeciña (Mougás, Oia). Previas intervencións neste castro revelaron un xacemento densamente poboado e con varias fases de ocupación ao longo da Idade do Ferro.

En outubro deste ano, a ACdC proponse financiar a escavación dunha nova cabana que os arqueólogos destaparon parcialmente na intervención de 2015.  “Esta cabana parece complementar varias cabanas que xa escavamos o ano pasado, coma se formasen una mesma unidade familiar. Escavala axudaranos a comprender mellor o castro e como vivían os seus habitantes” explica Carlos Otero, director arqueolóxico.

Durante a escavación, vaise implantar unha escola de campo na que os participantes poden aprender dunha forma práctica técnicas de arqueoloxía: como escavar, como identificar e manipular os obxectos que se atopen, a creación de modelos 3D, o rexistro arqueolóxico...

Esta iniciativa conta coa colaboración do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit-CSIC) e DigVentures (a única escola de campo acreditada polo Chartered Institute for Archaeologists) .

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 O cabalo de Atila

Todo ese batallón de xente deben estar facendo "turismo ecolóxico". Jeje... Co guapiños que estarían nun bar tomando unha 1906 e teñen que ir a escarallar o monte.

1 eusi

Se van financiar as campañas de recuperación, benvid@s sexan!