O presidente insiste en que se pode cambiar o PXOM de Lugo “legalmente”

Alberto Núñez Feijóo asegura que iso é o que lle traslada a Secretaría Xeral de Urbanismo da Xunta que “de dereito urbanístico sabe”.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 18/03/2016 | Actualizada ás 10:35

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, insiste na necesidade de modificar o PXOM de Lugo tras confirmar o Tribunal Supremo a orde de demolición da planta de Leche Río situada no polígono do Ceao. Unha proposta que a lei impide e que, mesmo de executarse, podería incorrer en responsabilidades penais, pero que o xefe do Executivo galego cre que se pode facer “dentro da legalidade”.

Feijóo na rolda de prensa do Consello da Xunta
Feijóo na rolda de prensa do Consello da Xunta | Fonte: xunta.gal

A Lei de Lei 29/1998, de 13 de xullo, reguladora da Xurisdicción Contencioso-administratriva, deixa claro que as autoridades, funcionarios ou axentes da Administración Pública que infrinxan o seu deber fundamental de executar o disposto en sentenza firme poden incorrer en responsabilidade, mesmo penal. “Serán nulos de pleno Dereito os actos e disposicións contrarios aos pronunciamentos das sentenzas que se diten coa finalidade de eludir o seu cumprimento”, recolle esta normativa.

Sen embargo, o presidente da Xunta, preguntado por GC sobre esta normativa dixo “non saber a que se refire”, pero insistiu en que o PXOM de Lugo pode ser modificado “legalmente”. “Iso é o que me traslada a Secretaría Xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia que me dá a sensación que de dereito urbanístico sabe”, indicou.

Así, e ante o desafío do empresario Jesús Lence de trasladar as súas fábricas a Madrid, o presidente galego recalcou que os plans urbanísticos “teñen que buscar solución para as persoas e teñen que buscar solucións para as actividades que se fagan no ámbito territorial”. Neste sentido, suliñou que o voceiro do PP de Lugo xa lle dirixiu ao Concello de Lugo “propostas concretas”.

Con todo, Feijóo suliñou que estas propostas son sempre “dentro da legalidade”, algo que recalcou en dúas ocasións. “Hai que buscar, dentro da legalidade, que ningún pode en ningún caso incumprir, pois solucións concretas, porque urbanísticamente as hai”, insistiu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta