Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 11/02/2025 | Actualizada ás 14:09
O sistema sanitario público galego alcanzou os 10.000 transplantes de órganos realizados na comunidade desde que se iniciou o programa no ano 1981, cando o Hospital Público da Coruña realizou a primeira intervención de transplante renal. Na actualidade, a Comunidade galega xa contabiliza 5.168 transplantes deste órgano. Nun comunicado, a Consellería de Sanidade lembrou que, do mesmo xeito, en 1991, Galicia iniciou o seu programa de transplante de corazón, un ámbito no que se está achegando ao milleiro de intervencións, cun total de 959.
No ano 1994 asentábanse no sistema sanitario público galego os transplantes hepáticos nas áreas sanitarias de Santiago e Barbanza e na da Coruña e Cee. Neste caso, os dous hospitais de referencia acumulan un total de 2.803 transplantes de fígado realizados ata agora. No ano 1999 a comunidade galega rexistrou a incorporación de dous novos de transplantes de órganos. En concreto, o programa de transplante pulmonar, que conta con 942 intervencións realizadas desde a súa posta en marcha; e o páncreas, que nos seus primeiros 25 anos de instauración acumula 128 operacións. A Xunta lembra que conseguir estas cifras non sería posible sen a xenerosidade das 3.487 persoas doantes falecidas e das súas familias, así como das 468 persoas que doaron o seu ril en vida.
Así, a solidariedade da poboación galega, engadida á colaboración establecida entre o Servizo Galego de Saúde e a Oficina de Coordinación Autonómica de Transplantes da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), posibilita que a comunidade estea a conseguir cifras marca en transplantes e doazón de órganos. Nesta liña, o 2024 foi o ano coa mellor cifra histórica neste ámbito ao rexistrar un total de 424 intervencións, un 28 % máis que no ano anterior. Así, Galicia pechou o ano 2024 coa maior taxa de doantes de órganos por millón de habitantes con 50,7 desde a creación da Organización Nacional de Transplantes no 1989. Ademais, finalizou o exercicio coa menor cifra de pacientes á espera de transplante da súa histórica, cun total de 193 persoas. Na actualidade, oito de cada 10 familias din si á doazón en Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.