Por Galicia Confidencial | Compostela | 29/03/2016 | Actualizada ás 11:00
Varias entidades ecoloxistas, naturalistas e culturais denuncian que a carreira de montaña Costa Trail de Oleiros “Seixo Branco”, organizada pola Sociedade de Montaña Ártabros coa colaboración nesta edición do concello de Oleiros e o Club de Atletismo Sada, ameaza á principal colonia peninsular do corvo mariño cristado, unha especie ameazada, e tamén a un castro catalogado.
Así, critican que gran parte da carreira desenvolverase polo entorno dos acantilados da Costa de Dexo, espazo declarado Monumento Natural e Rede Natura 2000 e que alberga entre os seus principais valores unha das principais colonias a nivel galego e estatal desta ave.
A Sociedade Galega de Ornitoloxía, SEO/Birdlife, Sociedade Galega de Historia Natural, ADEGA, Verdegaia, Amigos da Terra e o Grupo Naturalista Hábitat destacan que que o corvo mariño cristado é unha ave mariña ameazada por múltiples factores que están a provocar un severo descenso poboacional en toda Galicia, motivo polo que está considerada baixo a categoría de 'En Perigo de Extinción' e foi incluída no Catálogo Galego de Especies Ameazadas como Vulnerable, o que obriga á súa protección estricta.
"Nun contexto de evolución poboacional moi negativa, as poboacións da Costa de Dexo adquiren relevancia ao constituír o principal (ou un dos principais) núcleo de cría da costa continental da Península Ibérica", indican nun comunicado. Este carácter “continental” implica, segundo Adega, que ademais dos problemas globais que afectan á especie, estas poboacións estén expostas tamén a impactos chegados dende terra, principalmente molestias durante o período crítico de incubación e crianza dos polos.
Por iso, critican que, maila ter coñecemento desta problemática, o trazado previsto pola organización para o paso dos 350 corredores sitúase a poucos metros da colonia en plena época de cría, co potencial risco de ocasionar molestias e impactos sobre a reproducción desta especie gravemente ameazada e patrimonio común da sociedade.
"As asociacións asinantes consideran inaceptable o tránsito polo entorno da colonia, tanto polas potenciais molestias durante a carreira como pola súa apertura a un futuro uso público descontrolado", suliñan. Por iso, solicitan á organización e á Dirección Xeral de Conservación da Natureza a volta ao trazado orixinal empregado nas anteriores cinco edicións. "Salientamos que ademais das citadas ONGs, a solicitude conta co aval da comunidade científica representada por algúns dos principais investigadores das tres Universidades galegas en materia de conservación da biodiversidade", engaen.
Erosión no castro de Punta Roza
Por outra banda, as ONG denuncian tamén o impacto do Trail sobre o castro catalogado de Punta Roza, na parroquia de Dexo. A carreira introdúcese na súa Área de Protección Integral e atravesa os seus parapetos defensivos, ocasionando (xunto co tránsito habitual de corredores e ciclistas) graves problemas erosivos nos muros deste elemento patrimonial.
En todo caso, aclaran que as carreiras de montaña son unha actividade "saudable, limpa, respectuosa e sostible, ademais de potenciais dinamizadores das áreas rurais". Pero, "dado o auxe deste tipo de actividades deportivas no medio natural e para garantir a súa sostibilidade", é precisa a regulación do seu paso polos espazos naturais protexidos, sen esquecer a función que o conxunto da sociedade lles outorgou a estas areas e que non é outra que a da preservación do seu patrimonio natural e un uso público respectuoso cos seus valores.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.