Por Galicia Confidencial | Compostela | 31/03/2016 | Actualizada ás 16:00
“Actuamos con rigor e coa máxima dilixencia posible”, dixo o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sobre as inundacións que este mércores sufriron localidades do norte da Coruña, principalmente Sada, aínda que tamén Oleiros e Carballo.
Así, e ante as críticas dalgúns veciños e de formacións políticas sobre a pouca falla de previsión do Goberno galego para evitar unha catástrofe destas dimensións en Sada, con varias rúas completamente asolagadas, Feijóo insistiu en que o Goberno galego actuou “con medios e con dilixencia”. “E iso é o que nos din os alcaldes da zona”, suliñou este xoves na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta.
Neste sentido, destacou que Presidencia activou todos os medios que dependen da Xunta ás 6:45 horas do pasado mércores, que foi cando, dixo, recibiu o aviso da Agencia Estatal de Metereología (AIMET). “O temporal comezou sobre as 06:00 horas e en 45 minutos xa nos avisaron”, indicou.
Así, dixo que desde as 00.00 horas do día 30, os servizos de Emerxencia actuaron en 121 incidencias. “Seguimos sobre o terreo todo o que pasou”, apuntou ao tempo que agradeceu aos profesionais de emerxencias e tamén aos concellos afectados e aos seus alcaldes o traballo realizado. “O prioritario foi solucionar os problemas dos que nos foron avisando”, engadiu.
“Ás veces, as previsións precipítanse”, dixo sobre o acontecido este mércores. “E , a pesar dos bens deteriorados, actuouse con rigor e a máxima dilixencia posible”, engadiu ao tempo que recalcou que a Xunta estivo, desde o primeiro momento, en contacto cos alcaldes de Sada e de Carballo.
Por outra banda, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, comprometeu este xoves o apoio económico da institución provincial coa localidade coruñesa de Sada. Tras visitar a zona cualificou de "catastrófica" a situación e, por iso, anunciou a presentación dunha moción para a súa declaración como tal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.