Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/03/2025 | Actualizada ás 13:03
Unha muller que exercía a prostitución en pisos da zona de Ferrol -- feitos polos cales están a ser xulgadas catro persoas, familiares entre eles, por presunta trata de seres humanos con fins de explotación sexual -- asegurou que "alí non había obrigación de facer nada".
No xuízo que se celebra na Audiencia Provincial da Coruña, compareceu como testemuña da defensa e explicou, en contraposición ao exposto por outras mulleres que declararon como testemuñas protexidas, que "sabía para que viña a aquí", en alusión ás condicións de traballo que ía ter en España.
"Traballamos se queremos e senón non", insistiu para apuntar que tiñan a posibilidade de "rexeitar clientes", que eran as mozas as que fixaban os prezos e que podían saír do piso cando querían.
Respecto da existencia de sustancias estupefacientes na vivenda, sinalou que as mozas consumían "voluntariamente, de festa" e engadiu descoñecer que se realizase venda delas aos clientes.
Esta versión contradíse coas declaracións realizadas durante o xuízo por varias mulleres, testemuñas protexidas por esta causa, que manifestaron que traballaban "24 horas, o sete días da semana", baixo "ameazas" e nunhas condicións "malas que non eran as acordadas".
"Traballabamos 24 horas sen descanso, case nin durmía, todo o tempo era traballo, sen saír", corroborou outra delas na vista celebrada este xoves, así como que tiña "medo" porque estaba "ameazada". "Era obrigatorio que nós consumísemos droga para poder traballar", engadiu na mesma liña que varias compañeiras.
A vista chega á súa fase final coas conclusións das partes personadas fixadas para outro día, data aínda por determinar pola Sala.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.