O BNG ve nos cambios no control do IGE un aumento do "control político" despois da enquisa sobre a situación do galego

Presas cualificou a modificación adoptada no Consello da Xunta do pasado luns para que o IGE pase a integrarse en Presidencia de "dous por un: privatizar e controlar politicamente".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/03/2025 | Actualizada ás 14:08

Comparte esta noticia

O BNG considera que os cambios adoptados pola Xunta para o Instituto Galego de Estatística (IGE), que pasará a integrarse en Presidencia, supoñen a "privatización" do servizo público de xestión de datos para polo en mans de empresas externas, á vez que busca aumentar o "control político" sobre un ente que os nacionalistas entenden que debería ser "independente". Nunha rolda de prensa celebrada este xoves, a deputada frontista Noa Presas cualificou a modificación adoptada no Consello da Xunta do pasado luns de "dous por un: privatizar e controlar politicamente", unha decisión que ven ligada á enquisa sobre a situación do galego que publicou o IGE no mes de outubro.

Presas lembrou que a mediados de decembro foi aprobada a nova Lei galega de estatística por unanimidade no Parlamento de Galicia, polo que considera "moi grave" que o Goberno autonómico "adopte cambios importantísimos" sobre o seu encaixe dentro da Administración galega só tres meses despois. Unha "reforma pola porta de atrás" que, ademais de "facer saltar polo aire" o consenso alcanzado no lexislativo, pon en cuestión os "principios reitores" de "indepedencia profesional e imparcialidade" do IGE para , segundo a parlamentaria, satisfacer o "afán privatizador e de control político" dun PP que ve "desatado".

Por unha banda, considera que o paso de depender da Consellería de Facenda a facelo directamente de Presidencia supón unha "intensificación" do "control político" para pola a servizo "da fracasada" Oficina Económica da Xunta, "un invento sen resultados industriais". Isto, continuou, suporá unha "privatización" da xestión da información porque, segundo os cambios anunciados polo Goberno autonómico, ábrese a porta a que empresas tecnolóxicas poidan ter acceso aos datos que manexa a administración.

"Non contentos con inspirarse en Javier Milei, agora miran a Elon Musk", espetou a deputada frontista, que cre que a "escusa" de que a participación de empresas privadas permitirá "mellorar" o procesamento de datos "non pode ser a coartada" para acometer un "tan importante" como "inxustificable". Por iso, o BNG demandará a comparecencia en sede parlamentaria dalgún membro da Xunta para que explique os motivos dunha decisión que piden que sexa retirada ao considerala "abusiva" e "afastada dos mínimos estándares democráticos". E é que o Bloque cre que o paso a depender de Presidencia está ligado aos resultados da enquisa do estado da lingua galega, que provocaron "unha reacción sen precedentes" por parte do Goberno galego de encargar un estudo privado "para poder levarlle a contraria".

Noa Presas, en rolda de prensa
Noa Presas, en rolda de prensa | Fonte: BNG - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta