O cine en galego, condenado á invisibilidade pola falla de apoio institucional e comercial

Un estudo da Universidade de Santiago analiza os casos galego, finés e galés e conclúe que "as nacións sen Estado teñen máis dificultades para crear a etiqueta de «cine nacional» asociada ao seu territorio".

Por Galicia Confidencial | Santiago | 18/04/2016 | Actualizada ás 13:19

Comparte esta noticia

O cine en linguas minoritarias europeas non ten un problema de falla de produción, senón de invisibilidade á que o condena o sistema de distribución e exhibición imperante e á falla de atención política a este feito esencial. Esta é a principal conclusión do estudo 'Cine europeo en lenguas de naciones sin estado y pequeñas naciones', asinado polas profesoras e investigadoras da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Margarita Ledo Andión, Antía María López Gómez e Marta Pérez Pereiro, e publicado na Revista Latina de Comunicación Social.

O director de cinema Jorge Coira fala co actor Luís Tosar
O director de cinema Jorge Coira fala co actor Luís Tosar | Fonte: circocine

As autoras presentan neste traballo unha análise europea do cinema das pequenas nacións, identitario, en linguas minoritarias ou minorizadas. En concreto, fan unha abordaxe da política comunitaria en dúas vertentes, lingüística e cinematográfica, enfocada ás accións relativas á distribución de filmes en versión orixinal (VO) e en versión orixinal subtitulada (VOS), que observan escasas no eido europeo, do que toman como casos paradigmáticos os do cinema que se produce en Galicia, Gales e Finlandia, nun escenario de transnacionalización e globalización.

A análise das políticas audiovisuales nestes tres casos mostra que "as nacións sen Estado teñen máis dificultades para crear a etiqueta de «cine nacional» asociada ao seu territorio, debido a orzamentos significativamente inferiores e á dependencia de políticas estatais". 

Así mesmo, as investigadoras constataron que "existe unha relación directa entre o investimento institucional en promoción e distribución e o impacto deste investimento nas taquillas, particularmente na nacional". Deste xeito, observaron que o esforzo de Finlandia por reforzar os elementos da cadea produtiva do cine "se reflicten no éxito da súa cinematografía", mentres que nos casos de Gales e Galicia, "a pouca atención prestada a estes factores condena os seus cines á invisibilidade dentro e fóra das súas fronteiras"

As investigadoras conclúen ademais que "a ausencia de políticas de diversidade cultural e lingüística decididas favorece a produción en linguas hexemónicas e complica a supervivencia da produción cinematográfica en idiomas como galés ou galego".

“A Esmorga”,  película que conta coa participación da Televisión de Galicia.
“A Esmorga”, película que conta coa participación da Televisión de Galicia.

O estudo salienta que "discriminar unha lingua no cine atopa a súa réplica non só na reivindicación da VO", senón tamén "no dereito a non ser dobrada, un dereito que se pode rastrexar desde as políticas de subtitulado e no modo esquivo que adoptou até época ben recente nos textos europeos".

Política lingüística "catastrófica"

Os argumentos máis críticos do estudo afloran na parte dedicada á análise da política lingüística, tanto comunitaria como estatal e autonómica. Aquí, as investigadoras salientan que o galego é unha lingua "dependente dunha xestión política catastrófica" que supón unha "tentativa de postergación do galego no tecido social" e que "debe ser observada, así mesmo, á luz da súa presenza nos hábitos lingüísticos dos medios de comunicación", principalmente no "marco televisivo, onde os emisarios comunitarios localizaron un déficit significativo", explican.

Particularmente sangrante é o caso da canle pública. As profesoras da USC poñen en entredito a política lingüística da Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG), na que o orzamento dedicado á dobraxe se reduciu de 3,3 millóns de euros en 2012, a 1,5 millóns en 2013, situación que seguiu empeorando, xa que "ningunha película foi dobrada en 2014, e moito menos subtitulada", sinalan.

En segundo lugar, expoñen as "limitacións orzamentarias, en xeral, do sector audiovisual, o cal se traduciu na redución importante das tarefas de promoción do cine de cuño galego", aportan.

Da análise das políticas cinematográfica e lingüística no marco da Unión Europea, as autores infiren que "a distribución e promoción de películas realizadas no marco de cines pequenos, aínda máis no caso de culturas minoritarias, é esencial para salvalas da invisibilidade á que as condena o sistema de distribución e exhibición vixente".

Dos tras casos analizados como paradigmas do cinema pequeno en nacións pequenas, os de Gales e Galicia diferéncianse do caso finés en que son "nacións cuxas políticas culturais son subsidiarias do Estado que as contén, ao tempo que teñen unha cultura minorizada que require dunha protección específica".

"Os distintos graos de autonomía das nacións sen Estado determinan a capacidade para tomar decisións ao respecto das políticas culturais", subliñan as autoras do estudo, que lembran que xa foron publicados "múltiples documentos comunitarios" que denuncian "disfuncións na industria cinematográfica", sen que "ningún paliativo teña funcionado con rotundidade", o cal se debe ao feito de "non incorporar ao discurso político a perspectiva cultural como elemento central", engaden.

Nas súas conclusións, as tres investigadoras da USC inciden en que "a disponibilidade de filmes en versión orixinal (VO) e en versión orixinal subtitulada (VOS) constitúese nunha opción irrenunciable e insustituible no actual mapa cultural europeo, en tanto garantía do éxito da circulación transfronteiriza, tal como pretenden as autoridades comunitarias, no marco do programa Europa Creativa; pois se trata da única vía de coñecemento da diversidade cultural e lingüística europea, de facto, a través do feito audiovisual".

"Podería decirse que o disfuncional da maquinaria cinematográfica europea non radicaría, unicamente, nun problema de promoción, isto é, de visibilización, como de concienciación, por isto, o labor de alfabetización deberá concretarse na conformación dun criterio culturalmente fundado, para que o cine europeo producido en linguas pequenas e medianas sexa unha prioridade e unha necesidade irrenunciables para o público", conclúen.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 11 comentarios

1 Pugnaz

Temas como este sólo pueden tratarse en serio desde una base de partida: la constitucional. Esta nos configura como una sola nación española que cuenta con un solo estado unitario y el vínculo de una lengua común, que todos los españoles deben conocer. Es hilarante por descabellado que en un trabajo serio se aluda a Galicia como una nación sin estado cuando tan evidente resulta que de nación, tururú, tururú, tururú. Aquí no hay más nación que la española.

1 nostrus

pugnaz. depende del concepto de nacion porque Galicia puede ser "nacion del lacon", "nacion de Breogan", "nacion espiritual", ahora bien nacion a secas y sin ningun apellido solo se refiere a España

2 Xaquín

Ante o argumento de que "tan evidente resulta que de nación, tururú, tururú, tururú" non podemos facer nada. É que ten razón.