O BNG lanza unha "ofensiva institucional" contra a mina de Beariz: "Non se pode autorizar agora por fins armamentísticos"

Os nacionalistas esixen a Renfe que permita a compra anticipada de billetes e con prezos accesibles.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/03/2025 | Actualizada ás 18:52

Comparte esta noticia

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) lanzará unha "ofensiva institucional" para que o Goberno do Estado e a Xunta rexeiten o proxecto da mina de Doade, en Beariz, seleccionado pola Unión Europea para a adquisición de materias primas críticas. Nun comunicado, a organización nacionalista lembrou que este proxecto xa foi rexeitado polo seu impacto ambiental negativo, despois da "presión exercida" polo movemento social e veciñal, e sinalou que "non se pode conceder unha autorización agora polo mero feito de querer empregar estes recursos con fins armamentísticos, empregando este argumento coa xustificación para, unha vez máis, expoliar os recursos de Galicia".

Representantes do BNG, entre os que participaron cargos institucionais como a senadora nacionalista, Carme da Silva, e o deputado do BNG no Parlamento, Luís Bará, visitaron a Serra do Suído despois de manter contacto cos membros da plataforma SOS Suído Seixo. Os nacionalistas anunciaron iniciativas nas Cortes do Estado e na Cámara galega para "evitar un novo espolio aos recursos galegos que, agora, pretende levar a cabo a Unión Europea".

Segundo denunciaron, o "proxecto da mina de Doade, emprazado na localidade ourensá de Beariz, contempla unha mina subterránea e unha planta para o tratamento de minerais na Serra do Suído e o monte de Seixo". "Explotará, conforme á información recollida, pegmatita que é unha pedra rica en litio e feldespatos que se empregan na industria tecnolóxica e é fundamental para a tecnoloxía militar".

Para o Bloque, a explotación desta mina, recollida entre os proxectos estratéxicos de materias primas críticas enmarcado no Plan de Rearmamento da Unión Europea, non se xustifica. "Nin do punto de vista ambiental, posta xa foi rexeitado fai catro anos, nin do punto de vista para a súa utilización con fins armamentísticos", indicou. A organización nacionalista lembra que este proxecto da mina de Doade xa tentou abrir en 2020 pero foi denegado pola Xunta despois dun informe negativo da Concesión de Explotación por parte da CHMS debido á súa afectación aos acuíferos e froito da presión social e veciñal exercida.

"A empresa volveu presentar o proxecto e moito nos tememos que a decisión da Comisión Europea condicione agora a resposta do Goberno galego, presidido polo PP, sempre tan permeable a macroproxectos empresariais como o de Altri en Palas de Rei ou a macroparques eólicos", alertou Bará. "O Goberno do Estado non pode permitir que se explote unha mina como a de Doade para destinar a súa produción de litio á creación de tecnoloxía de defensa", aseverou Carme da Silva, que considerou que "dado o precedente que se establece no informe negativo da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, o Goberno debe rexeitar o proxecto e oporse".

COMPRA ANTICIPADA DE BILLETES DE RENFE

Por outra banda, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou iniciativas no Congreso para demandar explicacións ao Goberno e a Renfe sobre as restricións na venda de billetes de tren para as conexións entre Galicia e Madrid. A organización nacionalista criticou que as actuais limitacións impiden a planificación das viaxes e prexudican economicamente aos usuarios do serivico ferroviario e esixiu a rectificación da operadora co obxectivo de permitir a compra anticipada de billetes con prezos accesibles.

O BNG lanza unha 'ofensiva institucional' contra a explotación da mina de Beariz  BNG
O BNG lanza unha 'ofensiva institucional' contra a explotación da mina de Beariz BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta